O BNG lamenta a desidia na promoción do libro no goberno de Digna Rivas.
Xoán Carlos González: “Perdeuse a Feira do Libro, non se convocou o Premio de novela os Viaductos, aínda coa convocatoria do 2021 sen resolver”.
13 xuño 2022 - 07:21
Por medio dunha nota, o voceiro nacionalista considera que a falla de promoción e fomento do libro do goberno municipal de Redondela, “ é máis que preocupante”.
Refírese en concreto á xa anunciada non celebración da Feira do Libro, por unha evidente falla de planificación. “Sabemos que existía interese por parte do sector, de celebrar este evento nos propios días da Festa da Coca, co que se enriquecería a programación”, indica Xoán Carlos González. Considera inxustificable que un concello como Redondela, perda a edición do 2022.
Por outra parte sinala, nesta desidia da promoción do libro, tampouco se convocou o Premio de novela os Viaductos, “o que deixa en evidencia ao concello e á concellaría de cultura”.
Neste sentido denuncia que a convocatoria do ano 2021, non foi resolta. Desvela que “algún dos participantes na mesma, que particparon nese certame puxéronse en contacto co BNG, ante a falla de resolución despois de máis dun ano da publicación das bases. Algo totalmente vergoñento”.
Empraza finalmente, Xoán Carlos González ao goberno de Digna Rivas, a retomar con maior rigor a promoción do libro en Redondela.