O BNG leva a Pleno apoio ás mariscadoras a pé de Cesantes

IMG-20230203-WA0001
Xuntanza do BNG con mariscadoras de Cesantes.
Xoán Carlos González Campo: “Demandamos maior implicación da Xunta e do Concello ante a grave crise que está atravesando o sector”
 
O BNG leva a Pleno apoio ás mariscadoras a pé de Cesantes
A presentación da moción por parte da organización nacionalista obedece aos diferentes encontros mantidos co colectivo nas últimas semanas, polo que se fan eco das súas principais demandas.
En Redondela na última década pasouse dunhas cento setenta traballadoras do mar a arredor de cen da actualidade. Nunhas condicións cada vez máis duras e complexas nas que asumen xunto á propia actividade extractiva do marisco, sementar a cría, trasladala, limpar de algas os areais, control e vixianza, xestións burocráticas como autónomas. “Trátase dunha actividade artesanal, respeituosa co medio ambente, que o convirten nunha marca de calidade dos productos do noso mar”, destaca o voceiro nacionalista Xoán Carlos González Campo
Incide en varios elementos que poñen en risco o futuro do marisqueo a pe na Enseada. As aportacións excesiva de auga doce de ríos como o Verduxo cando se abren as comportas da presa de Eiras; os verquidos tratados ou sen tratar; os aterros; peiraos que exercen como barreiras das correntes mariñas inciden na necesaria salinidade e condicións óptimas das augas interiores para a reprodución e medre da ameixa e berberecho. “Este panorama pode verse agravado pola intención da Autoridade Portuaria de aumentar o tráfico de barcos no Estreito de Rande”, sinala.
Considera o edil nacionalista que tanto o concello como a Xunta se impliquen directamente co sector “para superar a grave crise que están a padecer”.
Entre os acordos prantexados Xoán Carlos González Campo pretende que o goberno de Digna Rivas aumente o convenio coa Confraria de Cesantes, para mellorar os bancos marisqueiros.
Como segundo dos acordos, prantexa que a Xunta asuma “un paro biolóxico ata que se recupere a ameixa”.
Exixe igualmente que o goberno galego realice un estudio pormenorizado sobre a situación das augas da Ría de Vigo, “ademáis de artellar fondos orzamentarios e normativos para defender e garantir o futuro do marisqueo a pe na Enseada San Simón”.
O BNG leva a Pleno apoio ás mariscadoras a pé de Cesantes