O BNG a organización que máis medra en Redondela

Foto Grupo
Candidatura do BNG de Redondela
Suma 1176 votos, duplicando as súas porcentaxes cun novo concelleiro no grupo municipal pasando a terceira forza. 
O BNG a organización que máis medra en Redondela
Pendentes da confirmación oficial de resultados, dende a organización nacionalista destacan o forte incremento no número de apoios, que se producíu na maioría das mesas eleitorais. Á espera dunha análise máis pormenorizada dos resultados por mesas e por parroquias, dende o BNG realizan unha lectura positiva dos resultados do 28M en Redondela.
 
Dende a organización nacionalista poñen en valor a suba en perto de 1.200 votos, superando os 2.500 nuns comicios municipais. “Fomos a organización política que máis medramos en Redondela”, sinalan. Trátase dos mellores resultados dos últimos vinte anos, “o que refrenda o apoio á política do BNG”, salientan. Destacan que porcentualmente duplicouse o número de apoios dos veciños e veciñas de Redondela ao Bloque Nacionalista Galego. Esta forte suba suporá a incorporación dun novo concelleiro na sesión de investidura, co que de 2 pásase a 3.
 
Como aspecto negativo dende o BNG, refírense ao medre do bipartidismo que representan PP e PSOE, “o que non é reflexo da pluralidade de Redondela".
Denuncian dende a organización nacionalista, “o espectáculo antidemocrático que amosou en todo momento o Partido Popular”. Aprovéitanse da inexperiencia de moitas mesas electorais, actuando como unha apisonadora cunha presenza de interventores e interventoras nos colexios “abafante”, que violenta o libre exercicio do elector e elecotora.
 
Pola súa banda o candidato nacionalista, Xoán Carlos González, non tivo máis que palabras de agradecemento “para aquelas persoas que depositaron o seu apoio na candidatura que encabecei”, sinalou. Referíuse nos mesmos termos ás persoas do BNG que traballaron arreo durante a xornada electoral, para garantir un proceso electoral transparente. Salientou a quen se implicou durante semanas na organización da campaña electoral, que “permitíu que o BNG se presente ante a veciñanza como alternativa de futuro para Redondela”.
#Redondela
#Chapela
#ParroquiasdeRedondela
O BNG a organización que máis medra en Redondela