O BNG parabeniza a Quintela, pola posta en marcha do Centro Cultural
Xoán Carlos González Campo pide que se realicen as xestións para que as “eleccións municipais se poidan desenvolver no novo local”.
06 mar. 2023 - 12:46
A recente inauguración do Centro Cultural parroquial foi valorado positivamente dende a forza nacionalista, pois “tratábase dunha das poucas que carecía desta infraestructura”. A obra realizouse con cargo aos fondos europeos.
Pola súa banda o voceiro municipal Xoán Carlos González Campo, considera que se trata do inicio dunha nova andaina na actividade do movemento asociativo de Quintela. A partires de agora as asociacións de montes, veciñais, augas, ou culturais, disporán dun centro de carácter público para poder desenvolver as súas actividades.
Rexeita o circo mediático protagonizado por PSOE e PP, “para que se lles recoñeza o mérito da obra, cando foi a determinación do movemento asociativo de Quintela quen conseguíu o éxito”.
Destaca o edil nacionalista, que como integrante do Consello Parroquial de Quintela trátase dun avance para un consello que vai poder desenvolver a súa actividade en mellores condicións. En Quintela tiñan que reunirse no Colexio Público. Lamenta que estos consellos non se están a celebrar dende hai anos, mais amósase optimista porque coa próxima volta do BNG ao goberno municipal, “imos impor a normalidade dos consellos”
Sinala Xoán Carlos González Campo que “estamos en disposición de manter xuntanzas cos colectivos parroquiais para asumir como propias as súas demandas no eido cultural, participativo e de apoio ás entidades de Quintela”.
“A nosa primeira medida relacionada co novo local de Quintela, é demandar ao goberno municipal que realice as oportunas xestións para que as eleccións municipais de maio poidan celebrarse nel. Unha ubicación máis céntrica, e máis accesible co que se facilitaría a participación dos veciños e veciñas nas vindeiras eleccións municipais”, sinala na nota Xoán Carlos González Campo