O BNG pide que o uso da Illa de San Simón sexa público, gratuíto e respectuoso coa memoria histórica
25 out. 2021 - 11:00
A formación nacionalista insta á Xunta a poñer en marcha unha programación propia e garantir o acceso público e gratuíto á illa de San Simón. Denuncia o incumprimento das condicións da concesión e uso da Illa para fines lucrativos de empresas privadas –recentemente cunhas xornadas de ioga e meditación- e reclama a elaboración dun Plan de Usos que respecte a memoria e historia da Illa de San Simón.
A deputada nacionalista, Carmela González denunciou que se incumpren as condicións da concesión outorgada polo Ministerio de Medio Ambiente. A illa é de titularidade do estado, e foi cedida a xestión á Xunta en 1997 por 30 anos na que se establece como uso principal o “docente e cultural” e sen autorizar o uso hoteleiro aberto ao público polo tanto a residencia Stella Maris non poderá destinarse a usos habitacionais con excepción de puntuais aloxamentos de profesorado e conferenciantes dos cursos e actividades que se impartan.
Dende a Asociación da Memoria e dende o BNG levamos moito tempo reclamando “un Plan de usos” no que a memoria histórica, a represión e a loita antifranquista teña un papel central.