O BNG plantexa a necesidade dun estudio riguroso sobre a situación da Enseada San Simón.
“Vai ser a primeira iniciativa sobre Redondela que levemos ao Parlamento”, afirma o voceiro nacionalista Xoán Carlos González nun encontro coa deputada Alexandra Fernández
03 xuño 2024 - 10:14
A estratexia das iniciativas do Bloque Nacionalista Galego de Redondela de cara aos vindeiros meses pasa “inexcusablemente”, pola Enseada San Simón. “Imos centrar grande parte dos nosos esforzos neste espazo do noso concello que debemos potenciar e protexer”, afirma o voceiro nacionalista Xoán Carlos González.
Nunha xuntanza de traballo coa deputada Alexandra Fernández acordouse que como “primeira iniciativa do BNG no Parlamento Galego, que teña a ver con Redondela, xirará arredor da Enseada”, manifestou. Recorda que se trata dun espazo Rede Natura 2000, e que segue estando constante estado de degradación.
“Pretendemos que a cámara galega inste ao goberno galego a elaborar un estudio o suficientemente obxectivo e riguroso para tomar decisións”, declarou a deputada.
Recuperar e protexer medioambientalmente as augas e a beiramar; asegurar o equilibrio do Areal da Praia de Cesantes; apostar por sectores estractivos artesanais e respeituosos como a pesca do choco ou o marisqueo; eliminar aterramentos. Isto suporá poñer recursos económicos enriba da mesa para que todas as administracións como estado español ou Xunta de Galiza; entes como Autoridade Portuaria, e mesmo a Unión Europea se impliquen afondo.
“A intención do BNG é trasladar este traballo tanto ao Congreso e Senado, como ao Parlamento Europeo”, insistíu o voceiro nacionalista.