O BNG pón as bases para que a Xunta xestione o conservatorio de música.

Xoán Carlos González, “tomamos a iniciativa ante a pasividade do goberno de Digna Rivas e malia o non do PP”.
27 xan. 2025 - 09:02
O Bloque Nacionalista Galego acadou o apoio do pleno de Redondela para demandar que a Xunta de Galiza, exerza as súas responsabilidades como goberno galego. Neste caso para garantir unha formación regrada musical universal, accesíbel económicamente ao conxunto da veciñanza.
Na actualidade os concellos asumen directamente este ensino medio e superior, soportando os custes de contratación do profesorado, persoal administrativo, limpeza, mantemento. As familias costean un pequena parte co pago das correspondentes taxas.
“Ante a pasividade do goberno de Digna Rivas, decidimos tomar a iniciativa levando unha moción ao pleno para exixir á Xunta que asuma a xestión deste centro educativo”, declarou o voceiro nacionalista Xoán Carlos González. “Malia o non do Partido Popular, a iniciativa saíu adiante”.
Entende que o goberno municipal decidíu mirar para outro lado no canto de exixir ao goberno galego que asumira este ensino. Pola súa parte o PP de Redondela humillouse ante as directrices marcadas dende fóra porque xustifica que o concello non tén por que impartir este ensino.
Chama a atención que a Xunta de Galiza, que se desentende deste ensino sexa quen deseñe as propostas curriculares, expida as titulacións, e marque as condicións en que se teñen que impartir a formación.
Súmase así Redondela a outras vinte e tres localidades de todo o país que están demandando á Xunta de Galiza que cumpra coas súas responsabilidades