José Rodríguez eleito novo responsábel local do BNG de Redondela

“Enfrontamos os retos de medrar como organización, estar cos problemas veciñais presentándonos como verdadeira alternativa no ano 2027 ”
27 xan. 2025 - 09:24
A Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego de Redondela elexiu por unanimidade a José Rodríguez como novo responsábel local. Xunto a el unha lista de dez persoas, unha candidatura paritaria de homes e mulleres, á que nas vindeiras semanas se incorporará a designada pola organización xuvenil Galiza Nova.
José Rodríguez asumíu a responsabilidade das campañas electorais dos últimos procesos dos anos 2023 e 2024, que levaron a que a forza nacionalista fóra a máis votada en Redondela, nas pasadas autonómicas.
Remata a renovación de cargos da XVIII Asemblea Nacional da organización nacionalista, “un proceso exemplar en transparenza e participación democrática”, en palabras do novo cargo local do BNG.
“Conformamos un grupo de persoas que nos marcamos o reto de converter á nosa organización en referente para moitos e moitas redondelás”, engadíu. Márcase como obxectivo principal que o BNG incorpore a máis militancia para consolidar e crear conciencia nacional.
“Queremos estar en todas as demandas veciñais, para o que necesitamos ampliar a nosa base social. Deste xeito poder dar as nosas alternativas”, recalcou. Participación veciñal, medioambiente, mocidade, feminismo, que o galego ocupe o lugar que lle corresponde, servizos sociais e apoio aos movementos que defenden o interese colectivo, serían os eixos do seu traballo.
“Enfrentamos para os vindeiros anos construír unha alternativa solvente a PP e PSOE, para que aquelas persoas que nos apoiaron noutros procesos tamén nos axuden a chegar á alcaldía do noso concello”, remarcou. Destacou a unidade e confianza interna que goza o BNG en Redondela.
Puxo en valor o grupo de persoas que conforman o novo consello local, que se basea na experiencia política, incorporando xente nova. Militantes que veñen do movemento sindical e cultural, do ensino, do traballo no movemento veciñal e participativo.
Animou aos veciños e veciñas de Redondela a incorporarse ao proxecto nacionalista, a participar das nosas iniciativas e actividades, ou a presentarnos as súas demandas tanto particulares como colectivas. “O noso obxectivo vai ser traballar man a man con eles e con elas”.