Xoán Carlos González, “non nos responsabilizamos da mala organización do goberno de Digna Rivas”.
“Se quixera que o concelleiro de medio ambente tivera unha asignación manteríao en postos de saída nas eleccións”.
03 feb. 2025 - 09:10
Sae ao paso o voceiro do BNG de Redondela ás declaracións de Digna Rivas na que criticaba que non se lle dera apoio á retribución do novo concelleiro de medio ambente, Alberto Álvarez.
“Non entramos nunca a valorar a mala organización do goberno municipal de Redondela”, afirma Xoán Carlos González. “En todo momento tomaron libremente as decisións de distribución de responsabilidades e retribucións”, sinala. “Por parte do BNG asumimos a nosa parte do compromiso de investidura da actual alcaldesa”.
Considera o voceiro nacionalista que “o único que lle interesou dende o primeiro momento foi acadar o cambio do voto de AER, asignándolles unha das dúas liberacións que ofertaban”. Esta decisión supuxo a primeira demisión dentro das filas socialistas en agosto de 2023.
“Se estivera tan interesada en que Alberto Álvarez formara parte do seu equipo teríao levado en postos de saída”, recorda. Tal como explicou o voceiro do BNG no Pleno, “no canto de ter atado o soldo deste concelleiro antes de que iniciara a súa actividade, preferiron arriscarse”. Chamoulle a atención en todo caso que na proposta non se incluira a retroactividade do salario a pagar.
Insiste Xoán Carlos González que a organización nacionalista cumpliu a palabra dada para investir á candidata do PSOE en Redondela. “Eles non poden dicir o mesmo”, remata na súa nota.