O BNG presenta unha Moción en apoio a Maite Mouriño, represaliada por ESYCSA.
O venres 9 de outubro, Xoán Carlos González, xunto á propia afectada, presentou no rexistro do Concello de Redondela, unha moción para seren debatida en Pleno cuxa finalidade é a de amosar o apoio a unha traballadora despedida, únicamente por formar parte dunha candidatura do BNG.
Maite Mouriño, formou parte da candidatura desta organización política no veciño concello de Pazos de Borbén, nas últimas eleccións municipais. Esta vinculación coa organización nacionalista, foi o principal argumento esgrimido pola empresa para proceder a despedir traballadora.
A presentación da moción forma parte dunha campaña iniciada dende o BNG, naqueles concellos nos que a empresa ten asumido algún tipo de xestión ou concesión. Para nós é prioritario facer forza nunha situación inxusta, cunha persoa que o unicamente exerceu un dereito democrático, como o de formar parte dunha organización política, afirma Xoán Carlos González.
ESYCSA ( Equipos de Señalización y Control), encárgase do control e mantemento da rede semafórica de Redondela. Por este motivo, considera o concelleiro nacionalista, que se trata dunha situación aínda máis gravosa. Nós xa falamos na pasada campaña electoral de introducir unha cláusula social naquelas empresas que traballan para o concello de Redondela. Deben garantir todos os dereitos sociais e laborais dos seus empregad@s.
Coa presentación desta moción trátase de reparar unha situación de inxustiza. Ningunha empresa debe represaliar aos seus traballadores e traballadoras, por conviccións ideolóxicas, políticas ou sindicais. No BNG, non imos quedar calados. Destaca o concelleiro nacionalista, a enteireza conque Maite está a abordar esta difícil situación, e vai contar co apoio de toda a Asemblea Local de Redondela. Non imos quedar calados.