O BNG propón millón e medio de euros para o novo Peirao de Cesantes.

IMG-20221128-WA0006
Xoán Carlos González, Carmela González e Jéssica García no peirao de Cesantes
“A Xunta debe executar as obras para respaldar ao sector do mar, garantido o futuro medioambiental da Enseada”, afirma o voceiro Xoán Carlos González
 
O BNG propón millón e medio de euros para o novo Peirao de Cesantes.
Os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2023, volven a pór de actualidade a renovación do Peirao de Cesantes. Unha obra que dende o Bloque Nacionalista Galego de Redondela consideran que se debe executar de xeito inmediato. Con tal motivo, nas emendas aos orzamentos presentaron entre outras, unha partida dun millón e medio de euros para unha nova infraestrutura.
“A Xunta arquivou o Proxecto que xa licitara”, afirma o voceiro do BNG, Xoán Carlos González “co silencio cómplice do PP de Redondela”. Nunha decisión que considerou caprichosa “castigaron ao sector do mar porque a obra soamente beneficiaba ás navieiras que se dirixen a San Simón”. 
Dende hai máis dunha década a organización nacionalista contempla entre as súas propostas aos Orzamentos da Xunta, que se pilote o Peirao de Cesantes. Deste xeito permitiríase o movemento das mareas e a libre circulación de partículas en suspensión. “A obra beneficiaría á productividade marisqueira do entorno do Areal”. Recorda que a praia e a Enseada constituiron tradicionalmente un dos recursos da creación de riqueza e de postos de traballo.
Destaca o edil nacionalista, cómo, a renovación do Peirao, permitiría unha mellora na calidade medioambiental da Enseada de San Simón, que forma parte da Rede Natura. “Debería ser a Xunta de Galiza quen actuara de oficio para mellorar a calidade das augas, na Enseada, mais non o fai”. Pón en valor, Xoán Carlos González, a recuperación medioambiental como un recurso para atraer visitantes a Redondela.
Considera que un novo Peirao pilotado, sería perfectamente compatible co servizo ás navieras que manteñen a Illa de San Simón, como un dos reclamos de interese do noso concello.
Nunha visita ao Peirao acompañado da deputada do BNG Carmela González destacouse a relevancia da proposta. Na súa análise dos orzamentos a deputada nacionalista reprochou á Xunta de Rueda que presenta uns orzamentos ao servizo das rendas e das economías máis altas. “Pola contra esquécese de aqueles colectivos que están a sufrir máis directamente a crise económica en Galiza”. Presenta que a súa organización constitúe a verdadeira garantía de políticas máis sociais, máis apegadas á xente, ás necesidades e problemas de Galiza
Finalmente, Xoán Carlos González, xustificou que esta enmenda, conta cun imporante respaldo social e económico de Redondela.“A Xunta de Galiza debe acometer as obras de renovación do Peirao apostando polo sector do mar, garantido o futuro medioambiental da Enseada”.
O BNG propón millón e medio de euros para o novo Peirao de Cesantes.