O BNG propón que se recupere a programación da Illa da Memoria

IMG-20230924-WA0011

Lamentan que as actividades municipais na Illa durante o verán non contemplaran actividades de memoria histórica.

 

O BNG propón que se recupere a programación da Illa da Memoria
Recuperar o protagonismo do concello de Redondela nas actividades da memoria histórica, eis un dos obxectivos da organización nacionalista. Consideran que se trata dun papel que nunca se debeu perder. As últimas actividades das que teñen coñecemento remítense á pasada Semana Santa.
“Sabemos que existe unha demanda crecente de coñecemento da historia de San Simón durante os anos en que exerceu de penal franquista”, sinala a concelleira Jéssica García. Considera que “a Illa da Memoria debe ter unha programación non estacionalizada, para que en todo momento se poida ser conscientes das penosas condicións nas que viviron aqueles homes que defenderon a República e a democracia”. 
Afirma a concelleira do BNG que o goberno de Rueda, non moveu un dedo para poñer en valor a memoria histórica, “que no seu momento chegou a traer a San Simón ata 20.000 visitas anuais”. Entende que lle corresponde ao concello de Redondela recuperar o pulo perdido.
“Debemos ofrecerlles ás novas xeracións toda a verdade e non volvan a incorrer nos mesmos erros. San Simón debe converterse nun recurso de educación en valores, en democracia, en respecto e tolerancia para construír unha Galiza máis xusta”, remata na súa nota Jéssica García.
O BNG propón que se recupere a programación da Illa da Memoria