Xoán Carlos González Campo, entrevistado no Faro de Vigo.

IMG_20230927_192317
O portavoz municipal do BNG de Redondela, Xoán Carlos González
“O BNG, está chamado a ser o grupo referente durante este mandato”
Estracto da entrevista que lle realizaron ao voceiro municipal publicada esta fin de semana.
Xoán Carlos González Campo, entrevistado no Faro de Vigo.

Por qué o BNG, tras apoiar a investidura de Rivas, decidiu non integrarse no goberno local? Cal foi o argumento que triunfou na asamblea local, tendo en conta que PSOE e BNG teñen chegado a acordos noutras institucións?

O BNG cumpriu a súa promesa electoral de construír un goberno de progreso. Nas conversas nunca houbo unha proposta concreta e en firme do PSOE nin de proxecto nin de organigrama. Xa coñecemos o xeito de traballar do goberno de Digna Rivas, malia que se renovou completamente. Na asemblea local considerouse que débese chegar a un equilibrio de forzas cos socialistas para que as propostas do BNG sexan realmente percibidas polo conxunto da veciñanza. Defendemos o noso modelo de concello. Finalmente acordouse a fórmula de colaborar dende a oposición co goberno municipal.

Que valoración  fai dos primeiros 100 días deste bipartito?

Iniciouse con moi mal pe, cun problema interno do PSOE coa demisión da persoa de maior peso no anterior goberno de Digna Rivas. Recoñecemos que o verán é un periodo complexo para avaliar. Mantemos encontros constantes co equipo de goberno. Accederon á nosa proposta de realizar reunións sectoriais a partires de setembro para que nos expoñan os seus plans a medio prazo coa finalidade de que o BNG  realice as súas achegas e propostas. O equilibrio de forzas exixe un diálogo permanente, e vontade de chegar a acordos.

Cales son as liñas vermellas do BNG para manter a estabilidade do goberno?

É o propio grupo de goberno quen debe demostrar que a súa prioridade é a estabilidade, e que as lóxicas tensións non acaben nunha ruptura. Deben actuar coordinadamente, co que estamos dispostos a colaborar en todo momento. Igualmente exiximos que se respete ao BNG porque somos a forza determinante. 

O BNG ten rexeitado o modelo de “humanizacións” posto en marcha polo PP por exemplo na Avda. de Vigo en Chapela, ou o do PSOE na nova praza de Vilavella. Cal sería o modelo a seguir?

As humanizacións do PP e PSOE limítanse a un cambio de beirarrúas e asfaltado. Humanizar significa que a xente apropiarse das rúas e das prazas para convivir, para compartir problemas mais tamén para crear conciencia social e colectiva. O exemplo máis claro durante o verán no entorno da pista da Xunqueira e Multiusos congregáronse  diariamente centos de persoas, familias, mozos e mozas e nin sequera houbo a iniciativa de pechar ao tráfico rodado no  Paseo da Xunqueira.

Que asuntos cruciais para Redondela espera sacar adiante o BNG neste mandato?

O BNG está chamado a ser o grupo referente durante este mandato. Plantexaremos propostas que redunden positivamente nos veciños e veciñas de Redondela, mais cun traballo fiscalizador.  Debemos estar á altura dunha veciñanza que cada día nos exixe máis na que un sector moi importante está sufrindo o impacto da crise económica Centrarémonos nas políticas de benestar xunto á participación veciñal. Incidiremos nunha boa planificación de  inversións, poñendo enriba da mesa a necesidade de remunicipalizar servizos que as concesionarias non están prestando correctamente.Teremos que aprobar si ou si o Plan Xeral. Redondela debe recuperar a autoestima e aproveitarse da súa situación estratéxica ocupando o seu lugar como cuarto concello da provincia.

Xoán Carlos González Campo, entrevistado no Faro de Vigo.