O BNG reclama novo financiamento para a estrada do Outeiro en Reboreda.

IMG-20231005-WA0009
O concelleiro do BNG David Couñago

David Couñago, “transferiron os 200.000€ dunha subvención da deputación co que tememos que non se vaia a realizar”.

 

O BNG reclama novo financiamento para a estrada do Outeiro en Reboreda.
         En febreiro de 2023 no marco do Plan Concellos 22-23 concedeuse, pola deputación de Pontevedra, ao concello de Redondela, a cantidade de 202.840,24€ coa finalidade de realizar obras de mellora na estrada do Outeiro na parroquia de Reboreda. En setembro a alcaldesa Digna Rivas asinou unha resolución na que renunciaba a dita subvención, que en principio foi autorizada polo ente provincial. 
 
 Segundo considerou o concelleiro nacionalista David Couñago, “trátase dunha decisión sen ningún tipo de xustificación”. Afirma que “a obra converteuse nunha promesa electoral que o PSOE veu a presentar diante dos veciños e veciñas”. Entende que agora teñen que cumprirse os compromisos adquiridos diante da xente.
 
 Coincide o concelleiro do BNG na necesidade das obras nun dos viais máis deteriorados da parroquia de Reboreda cun importante movemento de tráfico rodado, cunha alta densidade de poboación e porque comunica diversos núcleos de Asnelle. Coa obra preténdese acabar cos problemas de evacuación e canalización das pluviais desta zoa, que en ocasións mesmo tén provocado inundacións nalgunha vivenda. Defende que “a actuación tería que servir para mellorar a seguridade viaria dos peóns e peoas para que se lles permita camiñar con tranquilidade tamén polas parroquias”.
 
 Nos últimos días David Couñago presentou un escrito solicitando explicacións ao goberno municipal polos motivos para renunciar a esta obra, e que se lle dea todo tipo de explicacións á veciñanza. 
 
 “Queremos que o goberno busque novos fondos para volver a orzamentar as obras na estrada do Outeiro de Reboreda. Damos de prazo un mes para que se busquen os 200.000€ necesarios e se inicien os trámites para contratar a obra que debe permitir que este vial sexa accesible tanto para vehículos, como principalmente para os veciños e veciñas”, remata na súa nota.
O BNG reclama novo financiamento para a estrada do Outeiro en Reboreda.