O BNG de Redondela apoia o prego do contrato do SAF

IMG_20231030_173632
Xoán Carlos González na súa intervención no pasado Pleno.
Xoán Carlos González Campo, lamentou a negativa do goberno municipal a negociar a remunicipalización das piscinas.
O BNG de Redondela apoia o prego do contrato do SAF
Cos votos a favor do PSOE e AER, aos que se sumaron os tres do grupo municipal nacionalista, sairon adiante os pregos do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar do concello de Redondela. A proposta foi aprobada no pleno ordinario de outubro, onde sorpresivamente o PP abstívose.
Víuse forzado o equipo de goberno a levar esta proposta a Pleno, despois de que o contrato que agora caduca fora aprobado hai ano e medio por xunta de goberno. Os resultados; nefastos para os usuarios e usuarias e as súas familias.
Recóllese unha partida de 4’8 millóns de euros para os tres anos de contrato, “no que se mellora o prezo de partida por hora e se reserva preto de 260.000€ para eventualidades, como esperamos sexa as melloras salariais das traballadoras”, salientou o voceiro do BNG, Xoán Carlos González Campo. Preto de 120 familias vense beneficiadas pola prestación dun “servizo social básico do que viven unhas 50 traballadoras”, engadíu.
Denunciou o edil nacionalista que malia tratarse “dunha obriga da Xunta de Galiza, soamente aporta 12€/h., cando o prezo de saída da licitación ronda os 23’2€”. Isto supón que o concello de Redondela debe aportar 600.000€ anuais para pagar a atención de calidade aos usuarios e usuarias.
Lamentou na súa intervención Xoán Carlos González Campo, que o goberno municipal rexeitara negociar a remunicipalización dun servizo como a piscina que daría beneficios ás arcas municipais, para colaborar no financiamento do SAF. O voceiro nacionalista, valorouno como unha oportunidade perdida polo bipartito.
O BNG de Redondela apoia o prego do contrato do SAF