O BNG de Redondela abstense para facilitar a aprobación dos orzamentos.
Xoán Carlos González, “iniciativas de carácter social e subvencións con perspectiva de xénero, liñas vermellas recollidas no acordo”
04 xul. 2022 - 10:03
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, realiza unha análise positiva do acordo. “Desbloqueáronse cuestións que afectan a ordeanzas e regulamentos que permitirán que os orzamentos sexan útiles para os nosos veciños e veciñas”.
Ordeanza de Emerxencia Social.
Unha das propostas considerada “liña vermella”, polos nacionalista residía na modificación da ordeanza de Emerxencia Social. “Conseguimos que se materializara unha ordeanza máis áxil, que permita aos servizos sociais municipais actuar con maior celeridade en graves situacións de emerxencia social”. Afirma que a partida de 80.000€, podería chegar a executarse completamente, cando na actualidade non chegaba nin ao corenta por cen.
Salienta igualmente que se alcanzou o compromiso de modificación das subvencións para material escolar de Educación Infantil co obxectivo de que máis familias tiveran acceso a elas.
Iniciativas con perspectiva de xénero.
Outra das nosas demandas xa prantexadas polo BNG no 2021, consistía en axustar as bases de subvencións a todo tipo de entidades con perspectiva de xénero. “Plantexamos que se lles dea puntuación extra a aquelas directivas de colectivos onde a presenza das mulleres é paritaria ou maioritaria, atendendo ao principo de discriminación positiva”, sinala o edil.
Neste capítulo, incidíuse na necesidade de adaptar o Protocolo para a Prevención do Acoso por Razón de Sexo Municipal, “reaxustándoo á realidade, introducindo as modificacións para que sexa máis útil ante unha posible situación neste eido”.