Xoán Carlos González, responsabiliza a Javier Bas das carencias da ordeanza de emerxencia social.
“O BNG perseverou para que se elaborara unha nova, que si vai facilitar maior acceso aos veciños e veciñas que están a sufrir a crise”, salienta
11 xul. 2022 - 08:57
Sae ao paso, o voceiro nacionalista, das declaracións verquidas polo PP dende o pleno do 29 de xuño, sobre a falta de execución dos orzamentos na área de servizos sociais. “O principal problema consiste en que as condicións para acceder ás axudas, eran moi restritivas”, afirma. “Dende que foi aprobada cos votos do PP, PSOE e AER, destacamos estas deficiencias”, asegura.
A ordeanza de Prevención da Situación de Exclusión Social, ou de Emerxencia Social postúlase como un instrumento do que dispón o concello para achegar axudas económicas ás e aos redondeláns, que, doutro xeito non poderían facer fronte a unha emerxencia. Axuda a alugueiro, adaptación da vivenda, adquisición de bens básicos, afrontar pagos de consumo enerxético… serían algúns dos aspectos sobre os que incidirían estas aportacións económicas.
Denuncia o voceiro nacionalista “o desprezo que o Partido Popular amosa polas familias máis vulnerábeis ao denunciar agora que a partida de 80.000 euros non se gasta. En todos os anos que Javier Bas exerceu de alcalde, non chegou nin ao cincuenta por cento do gasto desta partida”.
Responsabiliza directamente Xoán Carlos González a Javier Bas da situación á que actualmente se chegou. “En primeiro lugar, porque non quixo como alcalde elaborar unha ordeanza verdadeiramente áxil, flexible, que chegara ás familias con maiores dificultades. En segundo lugar, porque eludíu a súa responsablidade de presionar como lider da oposición accións concretas en Redondela, para mudar a situación. Preferíu abandoar á súa sorte á veciñanza”.
Destaca finalmente o edil nacionalista, que as negociacións co Partido Socialista, para absterse nos orzamentos, contemplaba a nova ordeanza, “máis vantaxosa para a veciñanza”.