O BNG de Redondela afirma que o goberno municipal, prima a “precariedade laboral” no contrato de avogad@ do CIM
“Nas bases de contratación puntúase as horas extras semanais non remuneradas que os candidatos ou candidatas están dispostos a realizar”, asegura a concelleira nacionalista, Jessica García
12 abr. 2021 - 19:57
Practicamente finalizado o proceso de contratación da avogada ou avogado do Centro de Información á Muller, dende o Bloque Nacionalista Galego de Redondela, saen ao paso do que consideran “fomento da precariedade laboral por parte do goberno municipal, para aquel persoal que traballa para o Concello”. Recorda a concelleira nacionalista que dende o mes de novembro, o CIM, carece desta especialista, polo que se publicitaron as bases para a súa contratación.
Este servizo especializado ofrece atención xurídica, asesoramento legal, colaborando co resto de profesionais do Centro, no seguimento de casos co fin de salvagarda dos dereitos das mulleres vítimas de violencia machista. A contratación deste persoal realizouse a través de convocatoria pública. A atención préstase en Chapela e Redondela, varios días ao longo da semana.
Nun dos apartados do prego, recollía explicitamente que por cada 3 horas semanais que as traballadoras ou traballadores desempeñaran a súa actividade, recibirían 2 puntos, ata un máximo de 8. “Consideramos un auténtico escándalo, que nunhas bases de contratación dunha administración pública, puntúen a precariedade laboral, aclara a concelleira.
No que considera como un ataque frontal contra os dereitos dos e das traballadoras, xunto á precarización dun servizo esencial na defensa xurídica das mulleres vítimas de violencias machistas, Jessica García, considera que a contratación da avogada, dista de ser exemplar. “Consideramos que un servizo esencial como a asesoría xurídica do CIM, non pode abrir a porta á precariedade laboral, porque confirmaríase o deterioro do servizo”, engade.
Para a edil do BNG, “ante a máis que evidente aumento da demanda da asesoría xurídica, cómpre aumentar o horario de atención a estas veciñas, mais non pode ser a costa da precarización laboral”. Considera Jessica García que o servizo xurídico do CIM, vaise ver negativamente afectado. “As vítimas de violencias machista de Redondela, deben recibir un servizo de primeira; pola contra o goberno municipal de Digna Rivas, precariza a atención a este colectivo”.
Amosa igualmente, a súa contrariedade porque se primen máis as propostas económicas, ata 28 puntos, que os Proxectos a desenvolver no CIM, máximo 20 puntos. “Na atención ás vítimas de violencias machista, cómpre que se desenvolvan actuacións axustadas ás necesidades e demandas dun colectivo tan sensible”, considera.
Carga na súa nota contra o Partido Popular por actuar unicamente por intereses partidistas, “ao denunciar no seu momento a falta de avogada, calando agora que ten presenza na mesa de contratación”.
Centra as súas críticas no goberno municipal PSOE-AER, na contratación en precario da avogada do CIM. Afirma que “non imos calar ante esta práctica, posto que as nosas veciñas vítimas de violencia machista, merecen unha atención de máxima calidade”, remata na súa nota a concelleira do BNG, Jessica García.
atención de máxima calidade”, remata na súa nota a concelleira do BNG, Jéssica García.