O BNG de Redondela denuncia que o PP pón a Xunta ao servizo dos intereses partidistas.
Nun encontro, mantido entre a delegada do goberno galego, Marta Fernández Tapias e membros de colectivos de Chapela e Trasmañó, segundo o voceiro nacionalista, “a presenza de membros do PP, amosa que novamente o goberno galego, está ao servizo dos intereses partidistas”.
O que considera totalmente “antidemocrático”, é que neste encontro, teñan presenza membros do Partido Popular que o único cargo que teñen é a súa representatividade electoral. “Trátase dun claro exemplo da estratexia caciquil do PP, de confundir as institucións co partido”, afirma o edil do BNG.
Recorda que hai poucas semanas, o PP de Redondela, volveu a demostrar a súa estratexia “ventaxista”, empregando a representantes da Xunta, unicamente para darse publicidade e propaganda. Daquela, tras e petición de colectivos de Chapela da convocatoria de Comisión de Seguemento das Obras de Ampliación da AP 9, “organizaron unha xuntanza coa Conselleira de Política Territorial e Infraestructuras, unicamente coa presenza de membros do PP”, recorda.
Segundo o voceiro municipal do BNG, “atopámonos claramente ante o modelo de empregar as institucións, como neste caso, o goberno da Xunta, para darlle publicidade a cargos do PP, preparando a carreira eleitoral municipal dos seus candidatos ou candidatas”, sinala.
“Dende o BNG seguiremos enfrentando esta estratexia política do PP, da que sempre fomos conscentes, tamén cando mantiveron a alcaldía en Redondela”, remata na súa nota Xoán Carlos González.