O BNG de Redondela demándalle á Xunta inversión en vivenda pública .
Xoán Carlos González, “ solicitamos un millón de euros para que no noso concello se garanta o dereito á vivenda a todos os nosos veciños e veciñas”
09 dec. 2024 - 17:38
Os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2025 converteuse na oportunidade da organización nacionalista para “presentar unha proposta para a construcción de vivenda de promoción pública”. Preténdese mitigar o grave problema de acceso á vivenda en Redondela que está afectando a un número importante de veciños e veciñas. As administracións públicas, goberno galego e goberno municipal deben poñerse dacordo para solventar este déficit, sinalan.
O medre do turismo sen planificación no Camiño de Santiago e a escasa construcción dos últimos anos provoca o encarecemento dos prezos tanto do aluguer como de adquisición propia. Estos factores xunto á escaseza de políticas de vivenda pública están levando a unha perda de poboación constante na última década en Redondela.
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González recorda a campaña de recollida de sinaturas desenvolvida por varias veciñas, que en pouco tempo chegou ás 3.000. Aprobouse unha moción no pleno para demandar á Xunta inversións en Redondela. “Dende o BNG presentamos alegacións ao PXOM para a dotación de terreos para a construcción de vivenda de promoción pública”, sinala o edil nacionalista.
A presentación da emenda aos orzamentos da Xunta, por un importe dun millón de euros “debería ser o primeiro paso para que no cuarto concello da provincia se constrúa vivenda accesible ás economías máis fráxiles”, sinala Xoán Carlos González. A xente moza, colectivos en risco de exclusión social, deberían ser os máis beneficiados por estas políticas de vivenda. Ante o non do goberno galego o edil nacionalista compromete os seus esforzos para seguir presentando iniciativas “ata que consigamos que os nosos veciños e veciñas teñan alugueres e vivendas axustadas ás súas posibilidades”.