A veciñanza ponlle sentido común ás obras do concello
David Couñago, “A Comunidade de Augas repuxo 1,5 km. de tubaxe durante o asfaltado da estrada de Outeiro en Reboreda que o concello non contemplaba”
03 dec. 2024 - 00:09
Nos últimos meses o concello de Redondela levou a cabo a renovación do asfaltado dun dos camiños municipais na parroquia de Reboreda. En concreto da estrada do Outeiro, cunha lonxitude de 1’5 quilómetros e unha inversión de 165.000€. “Desta obra non se deu información en ningún consello parroquial”, afirma o concelleiro do BNG David Couñago.
Iniciadas as obras e ante a falla de información do goberno de Digna Rivas, a directiva da Comunidade de Augas tomou a iniciativa de renovar grande parte da conducción de augas da estrada. Deste xeito, ante a posibilidade de que a conducción rompera nos vindeiros anos, a directiva asumíu o custe de renovala. “Actuaron con sentido común, para evitar que un camiño recén asfaltado se tivera que levantar ao pouco tempo”.
Ao carecer de información e planificación municipal dende a directiva tiveron que acelerar o proceso de asumir o gasto, “supoñendo unha derrama extraordinaria para os socios e socias da Traída que viron lóxica esta reposición”. Destaca o concelleiro nacionalista o interese veciñal por protexer as obras colectivas, evitando gastos innecesarios velando tamén polos intereses do concello de Redondela.
Para David Couñago, estas situacións poderíanse ter evitado “se se informara nos consellos parroquiais de todo tipo de obras que se van a acometer, puidendo tomar os colectivos e asociacións iniciativas deste tipo”, remata na súa nota o edil do BNG.