O goberno de Digna Rivas incapaz de sacar adiante propostas consensuadas.
“O pleno de novembro amosou o desinterese do goberno por chegar a acordos en iniciativas de calado para os e as redondelás”, afirma Xoán Carlos González.
03 dec. 2024 - 00:04
Tres foron as iniciativas contempladas na orde do día do pleno de novembro que o goberno municipal de Redondela en minoría presentou sen os consensos necesarios. A aprobación da Axenda Urbana, o regulamento do teletraballo do persoal municipal e a moción sobre o 25 de novembro.
“Volveu demostrar a súa debilidade Digna Rivas e o seu goberno, mais tamén o desinterese por chegar a acordos en cuestións de calado para os e as redondelás”, afirmou o voceiro do BNG Xoán Carlos González.
Ao longo do debate quedou patente a vontade do Bloque Nacionalista Galego de querer dialogar e chegar a consensos, “cando pola parte proponente, neste caso o goberno de Digna Rivas, quérese contar coa nosa opinión”, indicou. Mentras a estratexia sexa a de presentar iniciativas porque lle obriga a lei, non garanten o seu apoio. Unha conducta “sospeitosa” de que o que se pretende é forzar á organización nacionalista a aceptar calquera proposta que emane do goberno municipal sen negociar.
Marca distancias Xoán Carlos González da actitude de Digna Rivas. “É certo que nos informan de iniciativas que xa teñen tomadas, como o ascensor da Subida á Estación, mais só a iso”, lamenta. “Ao longo do debate plenario volvemos a tender a man para dialogar, debater e acordar, e nesas seguimos”, recalca o voceiro nacionalista