O BNG de Redondela, denuncia que o goberno de Digna Rivas non creou a anunciada tarxeta social

IMG-20250701-WA0001
Xoán Carlos González, "só un goberno irresponsábel pode empregar a creación deste instrumento dos servizos sociais como chantaxe ao BNG" 
O BNG de Redondela, denuncia que o goberno de Digna Rivas non creou a anunciada tarxeta social
Rematado o ano 2025 dende o Bloque Nacionalista Galego dan por finalizado o prazo para que o goberno de Digna Rivas puxera en marcha a tarxeta social. Un compromiso lanzado dende a alcaldía nos debates para a aprobación dos orzamentos. Finalmente non crearon este recurso que anunciaron como grande novidade.
Para Xoán Carlos González, voceiro nacionalista, demóstrase que nos atopamos ante un goberno irresponsábel que utilizou un recurso de carácter social para chantaxear ao BNG. Afirma que nunca foi vontade do goberno municipal a creación desta tarxeta, só a empregaron como arma "arroxadiza".
Foi durante a presentación dos orzamentos do ano 2025, cando o equipo de goberno afirmou que de non aprobarse non se podería crear esta tarxeta social. Nunca explicaron quen ían ser os e as beneficiadas, a fórmula para desenvolvela, o período de vixencia, afirma o voceiro nacionalista. 
Os últimos informes de entidades independentes falan de que na Galiza poderiamos chegar ata un vinte por cen de persoas en risco de exclusión social, expón. Iso daríanos uns números de que no noso concello máis de cinco mil veciños e veciñas poderían situarse nesta franxa, expresa con preocupación. Rexeita o argumentario populista empregado polo goberno municipal de Redondela para presionar ao BNG nestes termos
Comprometéronse a poñer en marcha un recurso para aliviar a situación de ducias de familias en Redondela, e non o fixeron. Asistimos a unha nova irresponsabilidade en toda regla do goberno de Digna Rivas, lamenta.
Pola súa parte considera que cómpre un cambio de rumo na área de servizos sociais, que tanto PP como PSOE xa demostraron que non lles interesa. Afirma que débense desenvolver políticas pensadas por e para as necesidades dos veciños e veciñas, lonxe dos egos persoais. No Bloque Nacionalista Galego imos traballar para devolver os servizos sociais a lugar que ocuparon, referentes en Galiza. 
O BNG de Redondela, denuncia que o goberno de Digna Rivas non creou a anunciada tarxeta social