O BNG de Redondela denuncia as verteduras ao Alvedosa durante o mes de agosto
O BNG de Redondela está alarmado polas continuas verteduras do Concello de Pazos de Borbén ao río Alvedosa
25 ago. 2022 - 09:01
O BNG é coñecedor que desde inicios de agosto na parroquia de Amoedo en Pazos de Borbén, o concello desa localidade está a verter no río Alvedosa. Tal e como foi informado o BNG de Redondela, a inicios de agosto houbo un atasco no Chan de Amoedo dun dos colectores de augas residuais e o concello veciño decidiu verter ao río. Ante esta situación a organización nacionalista presentou un escrito á Alcaldesa de Redondela hai máis de 15 días para solicitar unha actuación rápida e directa para rematar coas verteduras.
Denuncian desde a organización nacionalista que case 15 días máis tarde de ter presentado unha instancia no concello alertando desta situación aínda non recibiron resposta por parte da Alcaldesa Digna Rivas e tampoco houbo ninguna actuación para frear as verteduras.
A concelleira Jessica García, destaca que “as verturas no Alvedosa son sumamente contaminantes e afectan de forma moi negativa ao ecosistema, especialmente ás parroquias de Ventosela, Reboreda e o propio casco urbano que está a ser a clooca onde o Concello de Pazos verte”. Ademais dende a organización local están preocupados pola repercusión que estas verteduras podan ter sobre a Enseada de San Simón, e alertan “que isto afectará a actividades económicas como a pesca e o marisqueo; así como a degradación da Enseada que a pesar de estar en Rede Natura continúa a ser maltratada”.
Rematan a súa nota asegurando que “non podemos seguir permitindo que se continúe contaminando o cauce fluvial do Alvedosa e que o goberno local non actúe con actuacións concretras”. Tal e como explica a concelleira García “necesitamos unha resposta rápida por parte do goberno local para que o Alvedosa non se converta nunha cloaca contaminada. Debemos ser quen de protexer os nosos ríos e a nosa contorna”.
Por esta razón o BNG de Redondela e o BNG Pazos de Borbén levarán esta cuestión ao parlamento a través da deputada Alexandra Fernández que xa presentou diversas preguntas sobre esta cuestión.