O BNG de Redondela distánciase do goberno nas subvencións a entidades de carácter social.
A mediados do mes de outubro presentou en comisión, a concelleira Teresa París a proposta de Bases para Subvencións para Entidades de Carácter Social do Concello de Redondela.Nesta xuntanza, o representante do BNG, Xoán Carlos González expresou a súa desconformidade co texto. Como xa dixemos no debate dos orzamentos, trátase dunhas bases que non garanten un financiamento axeitado para este tipo de entidades. Adicar unicamente 10.000 euros para a realización de actividades non pode ser o xeito de actuar dende o goberno municipal.
Se de verdade quere apoiarse ao movemento asociativo de carácter social en Redondela, debe primarse a presentación de Proxectos anuais. Prímanse máis as charlas, ou actividades concretas que os programas ou proxectos que realmente refrenden un traballo constante ao longo do ano.
Igualmente centrouse Xoán Carlos González, en que as Bases non garanten que as subvencións acaben en entidades que realicen unicamente o seu labor no noso concello. Co texto na man, calquera asociación foránea con tal de facer unhas charlas en Redondela, xa podería optar a ditas subvencións.
Fixo fincapé o representante do BNG na Comisión que tal e como van os prazos, pendentes de seren publicadas no BOP, case nos poñeriamos a fin de ano. Non compartindo o criterio da concelleira que estas axudas son simplemente complementarias á súa actividade, pois moitas delas dependen en grande medida de ditas subvencións.
Tanto o Partido Popular, o PSOE como a Agrupación de Electores apoiaron esta proposta de subvencións.
No apartado de rogos e preguntas a única intervención realizouna o nacionalista, Xoán Carlos González. Prantexoulle á concelleira Teresa París, prazos concretos para a posta en marcha do Centro de Dia de Cesantes. Ante as dúbidas da representante do goberno, o nacionalista afirmou que calquera data de inauguración posterior ao 1 de xaneiro será considerada polo BNG, como unha data meramente electoralista.