O BNG de Redondela exixe melloras na axenda cultural de goberno de Digna Rivas
Desde o BNG de Redondela levamos meses analizando unha situación que cada vez é máis insoportábel: a escasa planificación da axenda cultural e a nula promoción das actividades por parte do goberno de Digna Rivas.
02 xuño 2025 - 17:26
A precarización da axenda cultural do noso concello é algo que levamos denunciando anos, non só pola pouca oferta elaborada polo goberno municipal, senón pola dificultade de que esta chegue à veciñanza.
Un concello coma o noso, en que o tecido asociativo e cultural é referente en todo o país e internacionalmente, non pode seguir contando cunha axenda cultural municipal cutre e que marxine a lingua galega.
Por desgraza, o goberno do PSOE local só contempla unha axenda de festas e festexos, deixando sen promoción as poucas actividades culturais que organiza por si mesmo. A promoción das actividades é fundamental, non só mediante redes sociais, mais tamén mediante campañas de difusión nas rúas para que todas as veciñas coñezan que se vai facer na nosa vila.
Desde o BNG de Redondela reivindicamos unha acción municipal alternativa que dinamice a oferta cultural propia do concello, da man do tecido cultural, e que conte co galego como eixo vertebrador principal para que tanto adultas como as máis novas teñan opcións de ocio locais.