O BNG de Redondela rexeita os orzamentos privatizadores ligados á moción de confianza do goberno local
Os orzamentos que volveu presentar o bipartito de PSOE e AER, desta vez ligados a unha moción de confianza, seguen a liña privatizadora dun goberno local que dá as costas á veciñanza e ao tecido asociativo de Redondela
06 maio 2025 - 17:24
Despois de presentar no pleno ordinario de abril uns orzamentos que o noso voceiro Xoán Carlos González definía coma unha proposta enganosa que non atende as necesidades e demandas reais das veciñas, o goberno local volveu presentar un documento que non foi consultado co Bloque Nacionalista Galego, abocándoo ao seu fracaso.
O goberno oculta os obxectivos deste documento, xa que se falan de proxectos que ninguén coñece. Unha mostra máis da mala xestión do goberno de Digna Rivas, xa que leva 6 anos actuando sen planificación.
Ademais, a alcaldesa perdeu completamente a sua credibilidade ao non cumprir ningún dos acordos asinados co BNG. Desde o BNG nunca nos negamos a negociar uns orzamentos que melloren a vida da veciñanza da nosa vila, pero o Partido Socialista prefire seguir sen contar coas nosas achegas.
Denunciamos unha actitude autoritaria e déspota de Digna Rivas durante todos os plenos, que se pode ver resumida na expulsión completamente fóra de lugar e sen motivos do pleno ordinario de abril da nosa concelleira Jéssica García.
Non só iso, senón que no Pleno Extraordinario de onte, o PSOE despregou todas as súas malas artes actuando coma un grupo mafioso.
No canto de adicarse a defender a Redondela presentando alegacións de negativo impacto como si fixo o noso Grupo Municipal, todos os seus esforzos centráronse en desenvolver unha campaña de acoso sobre as nosas concelleiras nos últimos días.
O espectáculo plenario certificou esta estratexia. Abucheos, insultos, apupos, interrupcións constantes, intentos de intimidación... Prácticas antidemocráticas que demostran que non son un partido á altura.
Pretenden demostrar que o concello é seu, e non da veciñanza. O PSOE cada vez máis aseméllase ao PP.
Desde o BNG de Redondela reivindicamos que sempre actuaremos con responsabilidade para facer unha Redondela mellor na que as persoas sexan o centro das políticas municipais. A nosa aposta é converternos na alternativa de esquerda á pésima xestión e á privatización constante do goberno bipartito de PSOE e AER.