O BNG de Redondela rexeita uns orzamentos que lle dan as costas á veciñanza
A proposta de documento presentado por PSOE e AER consolida privatizacións e está afastado da realidade, sen dar resposta ás necesidades da veciñanza do noso concello.
O noso Grupo Municipal non respaldou as contas para o ano 2025 do goberno de PSOE e de AER no pleno ordinario de abril da semana pasada. “Trátase dunha proposta enganosa que non atende as necesidades e demandas reais da veciñanza redondelá”, afirma o noso voceiro Xoán Carlos González.
Estes orzamentos consolidan o interese privatizador do bipartito PSOE e AER. Ademais
de abonar a concesionarias como piscinas, recollida do lixo, auga e saneamento, ou
Servizo de Axuda no Fogar, páganse ata 800.000 € en novas privatizacións a empresas
de limpeza de camiños e praias e vixianza dos areais do concello.
Acusamos o bipartito redondelá de pretender amosarse como bos xestores aumentando o
remanente, cando o que amosan é a súa incapacidade para executar gastos en partidas
dos orzamentos do ano 2022 actualmente vixentes.
Na liquidación do ano 2024 en emerxencia social aforraron 70.000 €, en subvencións a clubes deixaron 100.000 € sen gastar ou en axudas a centro parroquiais aforrando 18.000 €. Comentario a parte merecen os orzamentos participativos que neste ano prevén 260.000 €. Denunciamos que isto é papel mollado, xa que como denunciamos hai unhas semanas, o pasado ano só gastaron 25.000 € dun total de 180.000 €.
Con esta proposta de orzamentos dáselle a razón ao Bloque Nacionalista Galego en canto que deberían telos presentado anualmente para axustar os fondos dos que dispón o concello ás nosas necesidades. Este goberno leva dous anos desconectado da realidade.
Reafirmamos o noso compromiso para seguir traballando polos intereses das redondelás, dos colectivos e asociacións que asumen o dinamismo e moitas responsabilidades no noso concello para construírmos man con man unha alternativa de goberno fiábel e críbel.