O BNG de Redondela solicita ao Pleno do Concello a dimisión do Conselleiro de educación Román Rodríguez
O BNG de Redondela presentou por rexistro unha moción na que requiren á corporación local que se posicionen ao carón dos estudantes de Redondela e soliciten a dimisión do Conselleiro de educación Román Rodríguez
25 mar. 2022 - 08:44
En setembro do ano 2021 o BNG presentou unha iniciativa no parlamento galego na que se solicitaba á Xunta de Galiza que se impartise o Bacharelato de artes o vindeiro curso 2022-2023, despois de terse aprobado unha moción por unanimidade no pleno de Redondela. O compromiso acadado nesa sesión plenaria por parte do deputado redondelán do PP, Alberto Pazos, foi que no caso de haber demanda a Xunta iniciaría os trámites para comezar a impartir o Bacharelato de Artes, mais quedou demostrado que foron palabras baleiras porque a consellería non fixo ningunha sondaxe e non incluíu artes na oferta académica dos IES de Redondela.
Desde setembro do 2021 a Xunta de Galiza non fixo nada para rematar coa discriminación ao estudantado de Redondela que se ve na obriga de desprazarse a Mos, Pontevedra ou Vigo para cursar estes estudos.
Ante esta situación, tal e como explica a concelleira Jessica García, “decidimos levar esta problemática de novo ao parlamento e a nosa sorpresa foi que o conselleiro Román Rodríguez dixo claramente que Redondela non ía ter Bacharelato de Artes”. O BNG de Redondela considera que o conselleiro e a Xunta de Galiza están indo en contra dos intereses dos e das estudantes de Redondela. García sinala que “está é unha demanda das ANPAS e alumnos e Redondela, e deben saber que a decisión da Xunta é unha decisión política que vai en contra do noso concello”. Por estes motivos levan unha moción ao pleno onde solicitan que todos os grupos, incluído o Partido Popular se posicionen en contra desta decisión e solicitan a dimisión do Conselleiro de Educación Román Rodríguez.
Sinalan na súa nota que tamén é momento de que o goberno local do PSOE se comprometa con esta cuestión, polo que xa solicitaron unha liña de subvencións transitoria para colaborar economicamente co transporte dos e das rapazas que cursen artes fóra de Redondela.
A organización nacionalista explica que todas estas propostas foron comunicadas e debatidas nun encontro entre o BNG de Redondela e a Federación de ANPAS; encontro no que se destacou que mesmo con estes atrancos hai alumnado que xa realizou a prescrición fóra de Redondela, o que demostra que a convicción dos alumnos é firme e que ninguén os vai deter. Para o BNG de Redondela esta cuestión é fundamental polo que García destaca que “adquirimos o compromiso dende o BNG, de seguir rexistrando iniciativas ata que o bacharelato de artes se instaure en Redondela”.