O BNG de Redondela volve demandar unha escola infantil para Chapela.
“Insistimos en dotar a Chapela dun sevizo de carácter educativo e en galego”, anuncia a concelleira nacionalista Jéssica García.
16 dec. 2024 - 18:07
Para o ano 2025 o BNG de Redondela volve presentar unha emenda aos orzamentos da Xunta para o inicio da construcción na parcela municipal en Cidadelle dunha escola infantil de 0 a 3 anos.
A todas as propostas nacionalistas sempre respostou o goberno do Partido Popular, cun non.
Diante da posibilidade de que se volva a privar un ano máis ás familias con cativos e cativas destas idades a recibir unha atención e ensino público e en galego.
Esta parte do concello de Redondela, cunha alta densidade de poboación, con numerosas familias con nenos e nenas nesta franxa de idade, necesita xa dunha escola infantil pública. As mellores condicións, o mellor equipamento, gratuidade, e un ensino en galego. Eis os conceptos que defendemos dende o Bloque Nacionalista Galego.
“Hai un ano defendemos no Pleno do concello a construcción da escola. Demostramos que o goberno do PSOE, non se toma en serio esta demanda, e non deu pasos en firme para negociar coa Xunta”, sinala a concelleira nacionalista Jéssica García.
Denuncia igualmente a estratexia do goberno galego de seguir promocionando actuacións similares en concellos veciños, deixando de lado ao cuarto concello da provincia de Pontevedra. “Para este goberno os intereses electoralistas están por riba das necesidades e intereses dos cativos e cativas e das familias”.
“Pola nosa parte seguiremos insistindo, presionando, presentando iniciativas para que canto antes a escola infantil en Chapela sexa unha realidade e se preste un servizo educativo de calidade aos nosos cativos e cativas”, afirma finalmente na súa nota a concelleira nacionalista.