O BNG tomou as medidas oportunas para contrarrestar a irresponsabilidade do Goberno Municipal.
A deputada do BNG no Congreso dos deputados, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei, así como diversas preguntas parlamentarias, acerca das obras que se realizaron na praia de Cesantes, que, segundo declaracións do concelleiro do BNG de Redondela, Xoán Carlos González, poden supor un dano irreparábel para a praia de Cesantes.
Tanto grande parte da veciñanza do concello como o colectivo de mariscadoras da enseada manifestaron ante o BNG a súa preocupación polo dano (económico, ecolóxico e paisaxístico) que pode causar o muro construído sobre a praia.
Ante esta situación, o BNG de Redondela convocou as deputadas Olaia Fernández (deputada no Congreso) e Ana Miranda (eurodeputada), para que coñecesen de primeira man o problema. Despois, e coa maior urxencia posíbel, presentáronse no congreso unha proposición non de lei onde se pide a correción dos problemas que poida causar a construción do devandito muro, así como que non se acometa ningunha obra na enseada sen un informe medioambiental que o permita.
Segundo declaracións de Xoán Carlos González, o goberno local actuou con irresponsabilidade, xa que é obriga súa asegurarse de que calquera actuación que se realice no concello non resulte perxudicial para o medio natural ou para a economía das persoas, e neste caso puxeron en risco a saúde medioambiental da enseada así como a economía das familias que obteñen o seu sustento do marisqueo.
Na documentación presentada polo BNG no Parlamento do Estado destácase o dano que pode causar a construción dun muro que, nun proxecto inicial estaba previsto ser construído en escolleira e, no momento da obra, rematou sendo un muro vertical de maior altura que pode causar a desaparición de area da praia. Tamén, debido ao lodo causado polas obras, corren risco as crías de ameixa que pouco antes foran sementadas na zona.
Afirma Xoán Carlos González que o BNG vai seguir traballando desde todas as institucións en que teña representación para que se recupere a parte danada do areal, e garantir así o futuro da praia de Cesantes.
25-03-15-Preg obras praia Cesantes Redondela 25-03-15-PnL obras praia Cesantes Redondela