Carme Adán: A dotación de persoal e máis paradas na Estación de Eidos, prioridade en Madrid"
A cabeza de cartel de Nós-Candidatura Galega por Pontevedra comprometeuse a levar a cabo diversas iniciativas para que esta infraestrutura, desempeñe un papel fundamental no Eixo Atlántico.
Na visita que realizou á nova estación de Redondela, Adán cualificouna de estación pantasma, afirmando que non pode ser que se realice unha inversión de máis de 7 millóns de euros, para soamente tres paradas en cada sentido. Paso todos os días para Compostela no tren, e vexo que se trata dunha estación de grande capacidade para o movemento de viaxeir@s, con saída ou punto de destino neste concello.
Destacou a candidata o papel que historicamente exerceu Redondela, nos camiños de ferro. Lonxe de que perda esta situación de privilexio, dende Nós-CG, imos traballar para potenciala, non só en media e longa distancia, senón tamén no tren de cercanías. Recollemos a actividade desenvolvida polas deputadas do BNG ata o presente.
A estratéxica ubicación de Redondela, e da Estación de Os Eidos, daría servizo a perto de 100.000 usuari@s deste tren. Dende a zoa de Pazos e Fornelos, Ponteareas, O Porriño, O Condado, Baixo Miño,... Moitos veciños destes concellos preferirían desprazarse a coller o tren a Redondela, que ao centro de Vigo, onde aínda por riba, teríase que pagar por aparcar. Levaremos todas as iniciativas necesarias para que este desexo se converta en realidade, afirmou a candidata.
Acompañada por un grupo de militantes nacionalistas, Carme Adán coñeceu in situ o estado da estación. Sorprendeulle o feito de que carecera de persoal, e unicamente houbera unha máquina expendedora de billetes.
Namentres que para outras formacións esta Estación non vai ser máis que unha marca, vista dende Madrid, para Nós-CG vai ser un obxectivo prioritario. Pedimos o apoio masivo á nosa candidatura o 20 D, para que as nosas aspiracións, as nosas demandas e os nosos problemas sexan escoitados en Madrid, sentenciou finalmente a cabeza de lista por Pontevedra de Nós-Candidatura Galega.