Cecilia Pérez defende no Pleno de febreiro a intemodalidade e o transporte metropolitano.
Ante a inactividade do alcalde Javier Bas na solución da problemática xerada por Abel Caballero sobre a eliminación da tarxeta verde para non empadroados na cidade de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para pular por un transporte público.
Na exposición de motivos da moción, incídese na necesidade de deseñar políticas supramunicipais, habida conta a interrelación e interdependencia entre as distintas localidades, o que obriga a ter unha visión máis de carácter global se se quere ser eficiente. Neste senso ponse o acento na irresponsabilidade do goberno galego, quen ata o momento presente foi incapaz de poñer unha proposta concreta e actualizada enriba da mesa.
Destácase na moción o papel aglutinador da cidade de Vigo, mais igualmente da necesidade de ter en conta os concellos de O Morrazo e de toda a área de influencia. O movemento de persoas que entran en saen a diario (arredor de 150.000 vehículos diariamente na cidade olívica) , supón un reto cuxa solución implica compromisos firmes de todas as administracións.
Cecilia Pérez destacou a necesidade de traballar a prol do transporte metropolitano e a intermodalidade que permita a calquera veciño ou veciña trasladarse cun único billete. Recordou que o bonobús foi instaurado na cidade de Vigo por un alcalde nacionalista.
Rexeitou, a voceira nacionalista, as acusacións do voceiro do Partido Popular, Arturo González, quen calificaba a moción de oportunista. Atreveuse a facer esta afirmación un membro dun goberno municipal incapaz de xestionar a problemática de veciños e veciñas de Chapela, Negros, Cabeiro ou Vilar.
A Agrupación de Electores e o Partido Popular coincidiron en rexeitar a demanda de constitución dun ente público que se encargara de poñer en marcha un plano metropolitano de mobilidade integral, co que esta demanda non saíu adiante.
AER tamén se abstivo, na proposta de que o Concello traballara para a implantación dunha estrutura tarifaria integrada.
Instar á Xunta e concellos a xestionar a mobilidade, favorecendo a intermodalidade, no que teñan cabida transporte viario, marítimo e ferroviario, contou co apoio de todos os grupos representados no Pleno.