Manter a tensión na defensa da Igualdade de Xénero.
Ante as acometidas que grande parte da dereita está a exercer sobre as mulleres, cómpre manter unha actitude firme. A Lei de Reforma do Aborto, constitúe o exemplo máis evidente desta cruzada. Xa non se trata de xustificar o recorte de dereitos escusándose na crise. Convértese nun principio ideolóxico do Partido Popular relegar ás mulleres a segundo plano.
O BNG traballa arreo para que non se ceda nin nos dereitos, nin nas conquistas que as mulleres temos acadado ao longo de décadas. Nós decidimos sobre os nosos corpos. Nós decidimos sobre o tipo de concepción da vida. Nós decidimos sobre o tipo de vida que lle queremos ofrecer aos nosos fillos e fillas.
Nos últimos anos tense producido unha involución no proceso de toma de conciencia social sobre os dereitos das mulleres. As políticas impostas tanto polo PSOE, agudizadas polo Partido Popular, teñen levado a moitas mulleres a volver a vivir en condicións complicadas. Deixar o seu posto de traballo para coidar dos maiores, enfermos ou cativ@s; traballar en peores condicións laborais e económicas; mesmo volven a remarcarse situacións na que o home asume un papel dominante na relación de parella.
Xa hai anos, no goberno municipal de Redondela, que o BNG se volcou en programar actos, que teñen carácter simbólico, mais tamén de concienciación da sociedade Redondelá.
Nos últimos meses, por acordo do Consello Municipal da Muller, desenvólvense concentracións diante da Casa Consistorial. Nestes actos, hai unha presenza permanente do goberno de Javier Bas (froito da necesidade do momento), e de diferentes asociacións de mulleres. Mais, o destacado son as ausencias. Non pode ser que os sectores máis comprometidos coa loita feminista, máis concienciados, que máis respectan os dereitos das mulleres eviten participar nestas concentracións.
Correspóndelle aos sectores da esquerda, ter presenza constante nestes actos, que tamén forman parte do activismo feminista. Non se pode deixar en mans do Partido Popular, que manipule o discurso do traballo a prol das mulleres, pois sería todo un fracaso para o conxunto da sociedade.
O BNG de Redondela ademais de mobilizarse a nivel nacional, vai seguir amosando o seu apoio a este tipo de actos. Aínda que, moi críticos co traballo do goberno Bas no eido da muller, somos conscientes que o Concello como institución representa aos 30.000 veciños e veciñas. Cómpre retomar, por parte de todas as forzas sociais, culturais e políticas esta senda reivindicativa e de compromiso.