Cecilia Pérez: Os responsábeis da problemática do xeito teñen nome: Núñez Feijóo e Rosa Quintana"
No Pleno de outubro a voceira do BNG acusou ao goberno galego de calar ante a desfeita á que somete Europa aos nosos mariñeiros. Considerou que soamente a mobilización na rúa e a actuación política puideron deter as intencións da UE de rematar cunha arte de pesca artesanal como a do xeito.
Iniciou a súa intervención defendendo a moción presentada polo presidente da Confraría, Clemente Bastos. O sector do mar en Redondela, constitúe a empresa máis importante do concello, para recordar que cando en Galiza alguén fala de montar unha empresa, a Xunta mobiliza todos os seus recursos, mais cando se agrede aos mariñeiros, cala.
Defendeu a moción do BNG, como un compromiso acadado cos mariñeiros de Redondela. Remarcou que, aínda que quen toma a iniciativa é a Unión Europea, son os propios estados quen reparten as cotas, para máis tarde sinalar que namentres noutras zoas do Estado os gobernos presionaron ao Ministerio, en Galiza o goberno Feijóo calou. Puxo enriba da mesa os nomes dos responsábeis desta situación, o presidente da Xunta, e a conselleira do mar Rosa Quintana. No momento no que os principais afectados véndose desprotexidos polas diferentes administracións, inciaron as mobilizacións o Partido Popular reaccionou.
Cecilia Pérez defendeu ao longo da súa intervención o xeito como unha arte de pescar tradicional, respectuosa e con futuro para os mariñeiros. No canto de pedir subvencións para despezar barcos, débese investir na recuperación das nosas rías para que a pesca de baixura teña futuro.
Noutro momento a voceira nacionalista botoulle en cara ao concelleiro, Miguel Ángel Ballesteros, que unicamente se referiran á problemática dos mariñeiros como responsabilidade de Europa. Se se chega a esta situación é por decisións políticas. Nós somos políticos, actuamos en política, e a situación créase por iniciativas políticas, aclarou aos asistentes, que convocados á sesión plenaria estiveron presentes nesta ocasión ao Multiusos de A Xunqueira.
Non se sentía nada cómodo o equipo de goberno coa moción presentada polo BNG. Ante os argumentos do PP, de que compartían a preocupación dos afectados, Cecilia Pérez botoulles en cara que o goberno de Javier Bas chegara tarde a abandeirar as demandas deste colectivo. O propio alcalde pretendía coartar a posibilidade dunha terceira intervención da voceira nacionalista.
Finalmente as dúas mocións presentadas foron apoiadas por unanimidade polo Pleno da Corporación.