Esiximos a retirada do contedor da Punta da Praia de Cesantes.
Xoán Carlos González desvelou que a empresa Nalú, foi a que se dirixiu ao concello para pantexar un Proxecto de xestión do entorno da Enseada. Asumiu a acción formativa, e agora véndelle o contedor ao Concello por un importe de 5.000.
O BNG xa solicitou en distintas ocasións a retirada do contedor da Punta da Praia, afirmou o concelleiro nacionalista. Na primeira quenda de intervencións do último pleno celebrado no Multiusos da Xunqueira, afirmou que se trata dun espazo moi sensíbel a calquera actuación, por moi pequena que pareza. Recordou que tal como se recollía na autorización de Costas, unha vez rematada a acción formativa, o contedor debería ser retirado ou reubicado.
Ao longo de toda a súa exposición fixo referencia, Xoán Carlos González, á necesidade de axudar a manter un entorno tan sensíbel á actividade humana como a Punta da Praia.
O equipo de goberno defendeu a súa postura, por medio da concelleira de desenvolvemento local, Ana Alonso, polo que deixa ben ás claras as súas prioridades en canto ao futuro da Punta. Reiterou o discurso machacón, de que a formación de 15 alumn@s ben pagaba a pena, posto que permitiría a súa incorporación ao mercado laboral. Non respostou, nembargantes, á pregunta do concelleiro do BNG, sobre a porcentaxe de empregabilidade das persoas que asistiron a este curso.
Non quedou aquí o discurso da concelleira. Segundo as súas declaracións o obxectivo era que se impartiran máis cursos, sen que se movera o contedor.
Na segunda intervención, Xoán Carlos González, fixo un repaso do proceso que levou á situación actual, desvelando que o concello ía pagar por ese caixón 5.000.
O representante da empresa Nalú vendeulle un produto ao Concello. Primeiro xuntouse co alcalde Javier Bas, e Alberto Pazos. Orixinariamente o Proxecto era máis ambicioso. Vendo que a subvención era factíbel, o concello bota toda a súa maquinaria a andar, expuxo o concelleiro do BNG.
Tamén chamou a atención que nas dúas partes da acción formativa, a da docencia e a de control da actividade docente presentáronse tres empresas. Estas dúas partes foron asumidas, a primeira pola empresa Nalú (23.474), a segunda por Vida Láctea (4.307). Os representantes de ambas empresas, coinciden en seren docentes da empresa Nalú.
Na parte final do debate, chegouse ao acordo de que se levara, agora, asunto ao Consello Parroquial de Cesantes. O BNG decidiu votar en contra, posto que se abre a posibilidade de que se manteña o contedor nun entorno moi sensíbel dende o punto de vista medioambiental.