Encontro do BNG, coa directiva do Atlético Vilar.
Analizouse a situación do campo de xogo, que limita o crecemento do clube.
11 dec. 2023 - 08:14
Dende hai preto de cincuenta anos que se construíu, o campo de fútbol deste clube non tén sufrido grandes transformacións. Cunha directiva cun alto compoñente de xente moza, o futuro a medio plazo pasa pola instalación de céspede artificial. Trátase dos poucos da nosa bisbarra que aínda segue sendo de terra.
No encontro deuse conta da preocupación da directiva polo futuro do clube. Manifestaron o interese por crear novas categorías tanto xuvenís como infantís facilitando que máis rapazada poida realizar esta práctica deportiva. Os verdadeiros esforzos céntranse en dar os primeiros pasos para que a transformación do campo de xogo poida ser unha realidade nos vindeiros anos.
Dende o BNG amosouse o máximo interese polas súas propostas, recordando tamén a importancia do fútbol feminino. Igualmente amosouse a máxima colaboración para poder traballar en colaboración co clube. Plantexouse unha “folla de ruta” para asegurar apoios de entidades e colectivos. Ao remate da xuntanza, Xoán Carlos González Campo manifestou a importancia de “manter vivo o deporte base no noso concello descentralizando as inversións, apoiando aos diferentes clubes das diversas modalidades”.