En Redondela nin PP nin PSOE, queren que se fale de política.
Xoán Carlos González Campo fala de “actitude hipócrita coa veciñanza cando argumentan nas súas propostas que non teñen que ver coa política”.
11 dec. 2023 - 08:19
Regulamento de Voluntariado que “debe pasar do politiqueo”, segundo o goberno de Digna Rivas e moción do PP sobre Igualdade “que foxe da manipulación política”. Nestes termos se manifestan concelleiros e concelleiras destas formacións políticas na defensa das súas iniciativas, no pleno do concello. Quen manexa estes argumentos de xeito "torticeiro", son concelleiras electas por candidaturas de diversas formacións políticas nas pasadas eleccións municipais. Algunha delas, como Sandra Bastos podería dicirse que vive da política cun soldo da Deputación.
Dende o Bloque Nacionalista Galego consideran que se trata dunha estratexia de ambas forzas políticas que pretende crear confusión entre a veciñanza. “Redúdase na desafección do conxunto da cidadanía da política”, manifesta o voceiro nacionalista Xoán Carlos González Campo. “Ante o desprestixio ao que a cotío se somete á actividade política. Pretenden dar unha imaxe diante da veciñanza de que as súas iniciativas nada teñen que ver cos partidos”.
Nunha liña diametralmente distinta dende a organización nacionalista xa teñen manifestado que “rexeitamos o intento destes grupos de falsear a realidade do que estamos a facer, que é nin máis nin menos que política local”. Segundo o voceiro do BNG “nós non imos seguir esta estratexia hipócrita que manifesta un absoluto desprezo da cidadanía. Presentámonos e actuamos para facer política, con iniciativas políticas que estean ao servizo da veciñanza, e sirvan para avanzarmos”.