Galiza Nova denuncia un novo abuso de autoridade da Policía Nacional en Redondela.

20200109133814
Tres mozos foron identificados e cacheados na zona deportiva da Marisma, no mediodía do pasado día de feira.
 
Galiza Nova denuncia un novo abuso de autoridade da Policía Nacional en Redondela.
Tres mozos de dezaoito anos foron vítimas dos “abusos de autoridade por parte da Policía Nacional”. Os feitos producíronse durante o pasado vinte e un de abril, na contorna do Pavillón da Marisma, en Redondela. Segundo relatan, os tres mozos estaban conversando neste espazo deportivo e de ensino, cando varios policías nacionais baixaron dun furgón coñecido como “as grilleiras”.
Os tres mozos amosaron a súa sorpresa, pois atopábanse conversando como calquera cidadán que neses momentos se atopa nun espazo público. En todo momento colaboraron cos requirimentos dos nacionais, “quen nunca xustificaron a súa acción”.
Xunto a unha evidente vulneración dos dereitos destes mozos, ademais de obrigarlles a identificárense, tiveron que amosar o interior das súas mochilas. “Mesmo chegaron a ser cacheados”, relatan dende a organización xuvenil nacionalista.
Ningún dos tres mozos amosou ningún tipo de conduta delitiva. Para Galiza Nova, “estamos ante máis un caso de racialización, xa que un deles debeu ser considerado sospeitoso polo feito de ter familia sudamericana, co que nos poderiamos atopar ante un novo episodio xenófobo das forzas da orde”, sinalan.
Aconsellan desde a organización nacionalista a toda a mocidade redondelá que nalgún momento sexan abordados ou abordadas por forzas de seguridade e consideren vulnerados os seus dereitos, “exixan aos membros da Policía Nacional que lles faciliten o seu número de placa, que lles xustifiquen os motivos da identificación e cacheo e que llelo transmitan, para mesmo iniciar accións xudiciais”, rematan na súa nota.
Galiza Nova denuncia un novo abuso de autoridade da Policía Nacional en Redondela.