Homenaxe do BNG de Redondela ás traballadoras de Regojo polo 8 de Marzo
O Bloque Nacionalista de Redondela celebrou este sábado día 6 de marzo un acto público no recentemente inaugurado parque de Regojo, en Vilavella, en homenaxe as mulleres traballadoras da fábrica téxtil.
09 mar. 2021 - 09:48
Co motivo do Día Internacional da Muller Traballadora o BNG quixo renderlle unha homenaxe o traballo destas mulleres pioneiras na entrada das mulleres no mundo laboral, que fixeron posible o imperio de Regojo e o desenvolvemento económico de Redondela nos anos 60.
Durante o acto fixouse in situ cartelería na que se amosa a loita sindical levada a cabo por estas mulleres que loitaron polos seus dereitos laborais sen medo e con contundencia.
No acto participou María Xosé García, delegada sindical da CIG quen afirmou que “hoxe recollemos o legado destas mulleres veciñas de Redondela, traballadoras de Regojo que foron referencia na loita sindical en todo o país e merecen ser recoñecidas institucional e socialmente”.
Tamén a concelleira do BNG Jessica García recalcou que “dende o BNG de Redondela decidimos facer esta homenaxe polo 8M para poñer en valor o legado do traballo e reivindicación destas traballadoras”. Así, García explica que “a alcaldesa Digna Rivas como concelleira de igualdade invisibilizou as mulleres traballadoras; un goberno que se declare feminista non pode obviar as loitas sindicais destas mulleres facendo un parque de homenaxe a Regojo sen referencia explícita as reivindicacións sindicais e o traballo das costureiras, empaquetadoras...”
O acto rematou chamando á participación da Folga de Mulleres convocada por sindicatos e colectivos feministas para o 8M, que contan co apoio do BNG