Malestar no BNG pola falta de apoio do PSOE na moción do 25N
Jéssica García “Plantexábase a creación do Consello Municipal da Muller Nova como recurso para dinamizar o Consello Municipal da Muller ”
27 nov. 2023 - 10:27
No pasado pleno do concello o BNG de Redondela presentou unha moción en relación co 25N, Día Internacional en contra da violencia de xénero. Nesta moción solicitábase o apoio da corporación municipal a un compendio de propostas encamiñadas a que a Xunta de Galiza aumentase os fondos para a prevención da violencia machista, así como un posicionamento institucional en contra dos discursos que negan a violencia machista.
Outras medidas que propostas eran máis investimentos e novos perfís profesionais para o CIM. Argumentan desde o grupo nacionalista que “esperabamos que o PP non apoiase pero non podemos entender como partidos de esquerdas non votasen a favor deste tipo de mocións que o único que pretenden é obter máis recursos económicos, organizativos e humanos para loitar en contra da violencia machista”.
A concelleira, Jéssica García, destaca que “ co seu voto PSOE, AER e PP tamén estaban a dicir NON a que a Xunta de Galiza acelere o proceso para ter canto antes un protocolo ante casos de violencia sexual no ocio nocturno. Parécenos alarmante a pouca preocupación que amosaron os grupo do bipartito do concello de Redondela ante esta problemática que tamén pode suceder no noso concello.”
Unha das medidas máis destacadas era a creación, durante o ano 2024, do Consello Municipal da Muller Nova que funcionaría como apéndice do Consello Municipal da Muller. A nacionalista destaca que “necesitamos un novo pulo dentro do Concello Municipal da Muller, por iso propoñemos este novo órgano de participación, onde mulleres novas e adolescentes dos IES de Redondela podan formarse, debater e crear opinión en relación cos temas de actualidade no ámbito da igualdade entre mulleres e homes”.
A concelleira Jéssica García salientou que “ agardabamos non contar co apoio do PP pero en ningún caso imaxinabamos que PSOE e AER non apoiaran esta moción. É rechamante que estes partidos que se consideran feministas sexan incapaces de aprobar unha moción que só pretende seguir avanzando na igualdade entre todos os veciños e veciñas de Redondela”.
Por último, remata a súa nota confirmando que seguirán a velar polos intereses das mulleres con iniciativas que promocionen a igualdade xurídica e social entre mulleres e homes impulsando o Consello Municipal da Muller.