Moción do BNG reclamando o uso da Casa do Mar para os colectivos sociais de Redondela.
No Concello de Redondela existe unha crecente demanda por parte de colectivos e asociacións para a realización de diversas actividades. Este interese de actividades de carácter social saca á luz a importante carencia de locais e espazos públicos propiedade ou xestionados polo propio concello. Estas eivas, supoñen en moitos casos que se teñan que axustar horarios e espazos, que non sempre cobren a demanda arriba mencionada.
Hai xa varios meses que a Confraría de Mariñeiros e Pescadores de Cesantes, desaloxou as dependencias que ocupaba no edificio propiedade do Instituto Social da Mariña, trasladándose a unhas dependencias no porto. A Casa do Mar, dispón dende entón dun novo espazo, que a entender do BNG está infrautilizado. Súmase esta dependencia a varias salas que este edificio posúe, e que ben poderían ser aproveitadas para a súa xestión por o Concello de Redondela.
Dende hai varios anos, unha parte deste edificio está sendo utilizado pola policía local de Redondela. Tamén hai sitio para a policía nacional, unha cafetaría, e as oficinas do propio Instituto Social da Mariña.
Enclavado na Marisma, ubícase nun entorno de equipamentos de carácter educativo e deportivo. Esta situación privilexiada, podería definir perfectamente o futuro máis inmediato do edificio.
No ano 2013, as ANPAs da EEI. De A Marisma, e do CEP Santa Mariña, iniciaron os procedementos para a posta en marcha do comedor escolar. Este servizo de apoio á conciliación da vida familiar e laboral, púxose en marcha no curso 2013/2014. Ao longo da xestión, barallouse a posibilidade empregar algunha sala como comedor. Finalmente, sen coñecer os motivos, decidiuse ubicala noutro local.
Por todo o arriba exposto, Xoán Carlos González Campo, ao abeiro do Regulamento Orgánico do Concello, solicita a adopción dos seguintes ACORDOS:
- Que o alcalde presidente do concello de Redondela inicie as xestións pertinentes para a cesión dos locais do edificio propiedade do Instituto Social da Mariña situado na Marisma de Redondela.
- Que a planificación de actividades a realizar neste edificio teñan un marcado carácter educativo ou de interese social.
- Iniciar os trámites de cesión á maior brevidade posíbel.