Novo exemplo da pegada do PP na Punta da Praia.
Por enésima vez, unha actuación auspiciada polo goberno de Javier Bas, convértese nun auténtico desastre. A intervención para consolidar os balados para o futuro paseo, converten parte da Punta da Praia, nunha auténtica trincheira.
A pesares de manter unha xuntanza do Consello Parroquial de Cesantes, na que se asegurou que a intervención neste entorno non ía supoñer ningún tipo de actuación agresiva, a realidade é ben diferente. En contra do afirmado, estanse a empregar materiais que nada teñen a ver co acordado. As primeiras intervencións para o basamento da obra, tampouco corresponden coa información manexada por todos os colectivos, e o BNG.
Outro dos aspectos que chaman a atención é o da acumulación de grandes bloques de granito no areal, mesmo ocupando parte da zoa de marisqueo. Esperábase que se empregara rocalla de diferentes tamaños, cun menor impacto que o perpiaño, xunto a unha presentación en chafrán, e non murallóns verticais.
Existen precedentes, de que o goberno de Javier Bas actúa de costas a unha verdadeira preservación da Praia de Cesantes: instalación dun contedor a carón da duna, que se pretendía permanente; construción de varios murallóns do mesmo material, prantación de especies exóticas en zonas a recuperar
Despois dunha visita ao espazo ocupado polas obras, a voceira nacionalista, Cecilia Pérez considerou a situación de alarmante, posto que o que estamos a observar é que non se está a cumprir con nada do acordado nin no Pleno, nin no Consello, polo que teremos que tomar algún tipo de iniciativa.
Posto que o Consello Parroquial foi quen recibiu a información máis fiábel sobre a intervención na Praia, dende o BNG imos agardar a que o movemento asociativo asuma o protagonismo na exixencia de que a intervención na Punta da Praia, permita a recuperación deste entorno e non a degradación do mesmo.