Olaia Fernández Davila, traslada a problemática das obras de amplicación da Autoestrada ao Congreso.
A deputada do BNG cualifica de intereseda e vergoñenta a falla de información á veciñanza.
Tras a visita realizada en días pasados para coñecer de primeira man a problemática do inicio das obras de ampliación da AP-9, ao seu paso por Trasmañó e Chapela, a deputada do BNG, Olaia Fernández, presentou diversas iniciativas no Congreso dos deputad@s.
Consideran dende a organización nacionalista que debe ser o propio Ministerio de Fomento quen dea explicacións por escrito, sobre a situación das obras, ademais do procedemento a seguir tanto nas expropiacións, como nas afeccións. Malia que AUDASA realiza a obra, o goberno español segue a ser o propietario da infraestrutura, polo que debe ser quen dea as preceptivas explicacións, afirman dende o BNG.
Iniciadas xa as obras, moitos veciños e veciñas carecen de información sobre a situación das súas propiedades. De 31 fincas e unha casa a expropiar inicialmente, pásase agora a 59 e 12 respectivamente, sen que se dese ningún tipo de explicacións aos afectad@s.
Para Olaia Fernández malia que xa se ten derrubado unha vivenda, a veciñanza afectada segue sufrindo unha vergoñenta e interesada falla de información. A empresa encargada de levar a cabo as expropiacións mantén unha actitude cerril, pretendendo que sexan os afectad@s quen individualmente negocien.
Queren coñecer dende o BNG a postura de Fomento, sobre a actitude da empresa, que pretende impoñer a súa vontade, ante a indefensión da veciñanza.
Preguntan se vai permitir o Ministerio que as empresas actúen con total impunidade no proceso de expropiacións, antepoñendo os seus intereses corporativistas, sobre os dos veciños e veciñas.
Demandan dende o BNG ao Ministerio que ante unha obra que racha definitivamente Chapela, se lles dea un trato xusto e digno, a quen ten que abandonar as súas vivendas de xeito forzoso.
Xavier Balsas, responsábel local do BNG, cualifica de moi necesarias estas explicacións, ademais de asegurar que por vía da súa deputada se van continuar plantexando diversas iniciativas en Madrid. Imos levar a voz dos veciños afectados, e dunha parroquia que sofre as consecuencias da ampliación, pero ningún beneficio. Finalmente considera moi clarificador o responsábel local que unha forza como o BNG, con dúas actas no Congreso, sexa quen leva estas problemáticas da Ampliación, namentras que partidos con maior representatividade como PP, PSOE, IU, miran para outro lado.