Para o PP de Redondela, “non é o momento de que a xente enferme”.
O seu voto en contra, certifica a submisión ante a Xunta, primando os intereses de partido sobre a saúde veciñal.
Na moción defendida polo voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, denunciábase a precaria situación na que se atopa a Atención Primaria en Galiza. Os recortes dos sucesivos gobernos de Feijóo, reduciron ata en 100 millóns de euros a inversión en sanidade pública.
Reducións de persoal en todo o corpo sanitario, contratación en precario, non substitucións de médicos e médicas, pediatras,… o que leva a un deterioro na atención primaria; a máis próxima á veciñanza. Dende a extensión da pandemia, esta situación crítica viuse agravada coa xeneralización da atención telefónica. Nin facultativos ou facultativas, nin doentes consideran este un servizo que poida atender doenzas, realizar seguimento de tratamentos... Expertos auguran un aumento da mortaldade nos vindeiros anos, en doenzas que non se están a tratar axeitadamente.
Segundo o PP de Redondela, esta situación soamente é pasaxeira, considerando que a situación nos Centros de Saúde, obedece a prácticas viciadas da poboación. Afirman que non é momento para este tema, amosando un desprezo total pola saúde da veciñanza. En todo o debate, a voceira popular, amosou unha actitude despectiva para coas demandas do noso voceiro municipal, de mellora na sanidade pública.
Os centros de Atención Primaria tanto de Redondela como de Chapela, atópanse nunha situación límite. Ademais de baixas dos médicos de familia que non se cubren, o que supón unha sobrecarga para compañeiros e compañeiras, nas últimas semanas certificouse que unha das prazas de pediatría, desaparecía.
Tamén reclamou Xoán Carlos González, que se atenda á necesidade de tratamento e seguimento psicolóxico á poboación, coa dotación no noso sistema sanitario, de máis especialistas. A epidemia, as súas consecuencias e repercusións na saúde mental da poboación, pon enriba da mesa a obriga do goberno galego de atender estas necesidades. Recordou que o PP, votou en contra da emenda do BNG, de 300.000€ para mellorar a dotación de persoal dos Centros de Saúde de Redondela.
No debate, o voceiro nacionalista, denunciou a actitude do PP contra a Sanidade Pública. Co apoio de PSOE e AER, a moción puido saír adiante, co que Redondela reclama a volta á presencialidade na atención sanitaria, incremento nos orzamentos da Consellaría e aumento de persoal nos Centros de Saúde.