Preocupación no BNG, pola eliminación do persoal de noite no Aparcadoiro da Xunqueira.

DSC_0015
Xoán Carlos González

Unha empresa de seguridade encárgase de realizar a supervisión. Animan a usuarios e usuarias a presentar reclamacións.

Preocupación no BNG, pola eliminación do persoal de noite no Aparcadoiro da Xunqueira.

A eliminación do persoal encargado da supervisión e control no Aparcadoiro da Xunqueira durante a quenda de noite, é seguida con preocupación dende a organización nacionalista. “Trátase doutra concesión privatizada, neste caso un aparcadoiro de carácter público, polo que entendemos que existe unha responsabilidade municipal”, considera o voceiro do BNG, Xoán Carlos González.

A eliminación desta quenda implica que entre as 23.00 e as 07.00 horas a supervisión será realizada por unha empresa de seguridade ubicada fóra de Redondela, por medio de videocámaras. “Ante calquera continxencia, os usuarios ou usuarias do aparcadoiro unicamente poderán empregar un comunicador. Claramente deteriórase a atención e o servizo que se debe prestar”, afirma o edil nacionalista.

O aparcadoiro dispón dunha cabida dunhas catrocentas prazas de aparcamento, das que un sesenta por cen corresponde a aboados ou aboadas, en diversas modalidades. “Está claro que a crise da COVID-19 non pode ser o xustificante para esta redución de atención e de, como mínimo, un posto de traballo”, sinala.

A construción e concesión do aparcadoiro da Xunqueira, en Redondela, supuxo unha grande controversia entre a veciñanza redondelá no ano 1994. Daquela, o goberno do PSOE, decidiu que a concesión se realizase por 99 anos, o máximo que permitía a lei.

“Na propia concesión recóllese que se trata dun aparcadoiro de carácter público, ademais de que o Concello reserva a potestade de realizar todo tipo de trámites administrativos ante calquera modificación do mesmo. Agora estanse cambiando as condicións, pois a atención durante as noites modifícase substancialmente”.

Por ese carácter público do aparcadoiro, Xoán Carlos González empraza a usuarios e usuarias, a presentaren reclamacións por escrito no rexistro do Concello, para reverter esta situación”.

Preocupación no BNG, pola eliminación do persoal de noite no Aparcadoiro da Xunqueira.