Preocupación no BNG pola inacción da Autoridade Portuaria no vertido de aceite de palma.
Xoán Carlos González: "Ante un novo episodio contaminante, seguirían sen tomarse as medidas preventivas necesarias para minimizar o impacto medioambiental."
24 nov. 2025 - 21:02
O gravísimo accidente provocado pola implosión dun depósito de aceite de palma no Peirao de Guixar arroxou o resultado de dous traballadores feridos, dos que agardamos unha pronta recuperación. Paralelamente uns tres mil litros deste producto vertéronse polas augas da Ría de Vigo.
Máis dunha semana despois, restos deste vertido en forma de "galletas" e líquido graxento na lámina de auga, continuaban chegando á beiramar de Redondela. En concreto detectáronse importantes restos na Praia da Punta.
As declaracións posteriores dende a Autoridade Portuaria e mesmo dende o concello de Redondela non son para nada tranquilizadoras, manifestou o voceiro nacionalista Xoán Carlos González. Malia que se lle quería restar importancia a este vertido, a resposta dada dende o Porto de Vigo, a traverso do seu presidente Carlos Botana non fan máis que acrecentar a nosa preocupación, sinala.
Considera o edil do BNG que a evidente falla de medidas preventivas na Enseada San Simón, certifican o desinterese das administracións por mitigar o impacto da chegada deste aceite en forma de "galletas" e líquido graxento que cubría parte do areal de Cesantes. Queda máis que claro que se volvese a producirse unha situación crítica como a vivida o 30 de outubro, a resposta dada pola Autoridade Portuaria sería a mesma, mirar para outro lado. Considera que seguirían actuando de xeito neglixente ante un eventual episodio de contaminación.