Sobre o Proxecto do Pavillón de A Marisma
Xoán Carlos González, no Pleno de aprobación do Proxecto do Pavillón de A Marisma: Trátase dunha iniciativa claramente electoralista.
As presas e a falla de planificación, caracterizaron a convocatoria da Comisión e posterior debate en Pleno deste Proxecto de carácter deportivo.
Na súa primeira intervención o concelleiro nacionalista defendeu o Proxecto porque se trata da construción dunha infraestrutura necesaria para Redondela, e onde se poden desenvolver diversas actividades deportivas. O BNG apoiou xa no seu momento esta iniciativa, dando o seu respaldo ao Marisma + onde se incluía esta obra.
Sorprendeu, que ante unha infraestructura de carácter deportivo, fora o alcalde Javier Bas, en Comisión, ou o concelleiro de urbanismo, quen defenderan a proposta. En ningún momento se lle deu voz ao concelleiro de deportes, co que queda ben ás claras quen é quen no organigrama do goberno municipal.
O BNG deixou ben claro ao longo da súa exposición, que a organización nacionalista, non se vai deixar presionar polo goberno de Javier Bas, quen alega os prazos para que a obra se trate con tanta urxencia, ou ameaza coa perda de fondos. Ese tipo de artimañas serviulles para conseguir o apoio nos orzamentos, pero non vai incidir na toma de decisión do BNG.
Denunciamos que se convocara unha Comisión con menos de corenta e oito horas, sen que todo o expediente estivera completo, con falla de información para poder valorar o Proxecto no seu conxunto.
Grande parte da exposición do concelleiro nacionalista, centrouse en denunciar o carácter electoralista de todo este proceso. Alégase por parte do goberno de Javier Bas, do vencemento de prazos, pero xa iniciaron conversas co Ministerio de Medio Ambiente en outubro de 2013, co que poderían ter debatido o Proxecto con antelación. Tampouco vemos tanta presa, pois estamos a cinco días da celebración do Pleno Ordinario. Queren entrar en Campaña a dous días das Eleccións Europeas. Nós consideramos que a convocatoria mesmo podería incumprir a Lei Electoral.
Tal como recolleu na segunda intervención Xoán Carlos González, o apoio do BNG a este Proxecto débese a que compartimos a necesidade dun equipamento deportivo multidisciplinar, dando resposta a unha demanda dos clubs deportivos, e tamén de carácter social, para finalmente votar a favor de iniciar os trámites de licitación do Proxecto Construtivo.