Satisfacción no BNG de Redondela pola da bandeira azul, malia o goberno de Javier Bas.
Segundo Cecilia Pérez, trátase dun recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Redondela.
A concesión de bandeira azul á Punta da Praia de Cesantes, foi valorada moi positivamente pola voceira nacionalista, Cecilia Pérez. Nun comunicado de prensa, amosa a satisfacción da súa forza política polo recoñecemento do que considera unha axeitada planificación das intervencións realizadas, e unha toma de conciencia do conxunto de veciños e veciñas cara a preservación do Areal.
Esta distinción vai supoñer que ao goberno de Javier Bas non lle quede máis remedio que cambiar a súa estratexia a respecto da Punta de Praia, afirma a voceira nacionalista. Supón que calquera tipo de intervención, por pequena que sexa, debe realizarse coa axeitada planificación.
Recorda que a concesión desta distinción vén da man da existencia dunha serie de iniciativas postas en marcha en anos anteriores. A eliminación do tráfico do areal, a recuperación da flora autóctona, campañas de concienciación cidadá, a construción de pasarelas de accesibilidade, a dotación de equipos de salvamento, a construción do saneamento...
Curiosamente, unha das iniciativas máis respectuosas con este entorno, como o empréstimo de bicicletas, eliminouno o goberno de Javier Bas, recorda Cecilia Pérez.
Queda moito por facer, posto que a recuperación debe ser integral, de todos os areais e da propia Enseada, como recurso de potenciación turística e dun futuro desenvolvemento económico para moitas familias redondelás.
Para Cecilia Pérez, queremos destacar o cambio de mentalidade que cara á Punta da Praia produciuse nos últimos anos. De ser un espazo moi degradado pola propia acción humana, converteuse nun entorno mimado polos propios veciños e veciñas, converténdose en referente do Concello de Redondela.
Recuperación do areal.
As últimas intervencións do goberno municipal van na liña contraria ao que postula a concesión de bandeira azul. Para Cecilia Pérez a construción de murallóns no propio areal, constitúen toda unha contradición. Máxime cando estamos a falar dun espazo incluído dentro da Rede Natura 2000.
Exixen do goberno municipal que cumpra coa autorización concedida polo servizo da Paisaxe para a instalación dunha caseta no sistema dunar. Esta instalación foi autorizada para un curso de formación rematado en novembro de 2013. Case seis meses despois incumpren o acordado, amosando unha vez máis a súa falla de sensibilidade sobre a recuperación do areal. Insiste, Cecilia Pérez, en que calquera pequena intervención, como aparentemente é esta, debe preservar o futuro do areal.
O alcalde, Javier Bas, debe amosar o seu compromiso coa Praia de Cesantes, e reubicar de inmediato esta caseta para outro punto máis axeitado, demanda Cecilia Pérez.