Valoración do BNG, dos resultados das Eleicións Europeas en Redondela.

Valoración do BNG, dos resultados das Eleicións Europeas en Redondela.

O Consello Local vén de analizar os resultados do 25 de maio. Pendentes de que a Asemblea Local se manifeste sobre os mesmos e estableza as liñas de traballo para os vindeiros meses, as conclusións que se sacaron poden resumirse nas seguintes.

En primeiro lugar, expresar o absoluto respecto á vontade dos electores e electoras redondeláns, expresados nesta cita coas urnas. Salientar que pese a que os partidos maioritarios fomentaron a abstención, no noso concello superouse a media en Galiza,ao expresar a súa intención de voto, algo máis do 47% do censo.

Destacou o Consello Local o valor do voto BNG. A pesares de que toda a mercadotecnia pretendeu silenciar os verdadeiros problemas do País, un número nada desdeñables de redondeláns (997) seguen a confiar na nosa organización. Exerceuse un voto en defensa de Galiza.

Reafirmouse na idea de que a rebeldía expresada nas rúas, a  necesidade de transformación do sistema, cómpre artellalas politicamente. A acción política debe ir acompañada da acción a pé de rúa, e nesta liña o BNG está presente en todos os movementos que se desenvolven na Galiza e en Redondela.

Destacar o importante barapau sufrido tanto polo Partido Popular, como polo Partido Socialista. Trátase dun feito sen precedentes, que entre as dúas forzas tradicionalmente hexemónicas, acaden pouco máis do 51% dos votos emitidos. Evidénciase a desafección e o rexeitamento das políticas antisociais desenvolvidas polo PSOE, e agudizadas co PP.

 

En Redondela tamén se racha co bipartidismo.

Por terceira vez consecutiva, o Partido Popular acada uns resultados en Redondela, moi por debaixo do poder que a nível local está a exercer. Redondela, nunca foi, nin nunca será de dereitas.

Amosou o Consello Local a súa satisfacción pola consecución dos obxectivos marcados ao inicio da Campaña: chegar ao maior número de veciños e veciñas, desenvolver actos en practicamente todas as parroquias, repetir a presenza do BNG en Europa, a través de Ana Miranda, aportar un número significativo de votos chegando no total aos preto de 80.000.

Destacar a importante implicación da militancia, unha vez máis, nun proceso electoral. Un proceso que se presentou moi complexo, por mor da censura sometida polos medios públicos, pola necesidade de reducir custes, renunciando ao famoso mailing. Prantexouse unha Campaña moi ambiciosa, na que se desenvolveron once actos por todas as parroquias, cubriuse a megafonía todos os días, colgouse a cartelería e “descolgouse” en tan só un día, facendo un reparto de folletos informativos e votos. O custe total da Campaña local en Redondela, non chegou aos 300 €. O BNG foi a única organización que de verdade fixo campaña electoral.

Tivo que ser precisamente o BNG quen chamara constantemente á participación. A presenza de Galiza no Parlamento Europeo só pode acadarse coa presenza do BNG. “A fórmula galega” para que este País teña futuro, e para darlle voz en Europa, somentes pode vir desta organización co respaldo dun pobo.

En canto ao número de votantes que confiaron no BNG . Acadouse unha porcentaxe dun 8,35%, o que supón algo máis da media no conxunto do País. A baixada no número absoluto de votos, arredor de 170, nun contexto tan complexo, invitan ao optimismo. Queda moito por facer. Novos retos se presentan para os vindeiros meses, pero sempre seguindo o fío argumental do dereito á soberanía do pobo galego.

Finalmente, no que máis se fixo fincapé dende o Consello Local, foi na necesidade de establecer estratexias de traballo. Pendentes de que a Asemblea Local faga a súa propia valoración, os eixos principais da acción do BNG en Redondela deben basearse: na defensa da verdadeira participación veciñal na toma de decisións, formulación de alternativas de goberno ao Partido Popular e manterse como a única forza que lle está facendo oposición ao goberno de Javier Bas.

1979725_641829435866689_5254570393396784162_n

Valoración do BNG, dos resultados das Eleicións Europeas en Redondela.